Aprobada sen unanimidade a nova lei de artesanía da Galiza

PP e o PSdeG votan a favor do texto que o BNG rexeita por considerar que é "decepcionante" e "baleiro de contido"

Pleno do Parlamento da Galiza (Foto: Parlamento da Galiza).
photo_camera Pleno do Parlamento da Galiza (Foto: Parlamento da Galiza).

A Cámara galega aprobou, cos votos a favor do PP e PSdeG e o rexeitamento do BNG, a nova lei de artesanía da Galiza, que busca modernizar e profesionalizar o sector. Para iso, inclúe medidas como a creación de zonas de interese artesán e a incorporación da figura da mestra e o mestre artesán.

No pleno da Cámara galega, a conselleira de Economía, Emprego e Industria, María Jesús Lourenzá, explicou que "31 anos despois" da primeira lei de artesanía da Galiza, este texto suporá "o fin dun camiño e o inicio doutro".

Neste sentido, subliñou que permitirá impulsar o sector para o futuro como actividade social e xeradora de emprego, á vez que buscará un marco adaptado á nova realidade do sector. Todo iso, indicou, promovendo a súa importancia social, cultural, identitaria e económica, mais tamén incrementando a súa profesionalidade.

Despois de que os nacionalistas avanzasen que non apoiarían o texto, a conselleira asegurou que lle gustou que esta norma saíse aprobada por unanimidade. "Unha nova lei para que a Galiza siga impulsando un sector con pasado mais tamén con presente e moitísimo futuro", sinalou.

Na súa quenda, a parlamentaria do PSdeG Leticia Gallego atribuíu á "presión" do sector o feito de que o Goberno galego se abrise á "necesaria" actualización da norma de 1992.

"A lei de artesanía ten que ser modernizada de acordo cos tempos nos que estamos", sostivo a parlamentaria socialista, que criticou que o PP rexeitase moitas das emendas "construtivas" formuladas polo seu grupo para "enriquecer o texto".

"Emendas froito do diálogo constante e permanente co sector", dixo para pór como exemplo a intención dos socialistas de promover períodos electorais para elixir os representantes da Comisión Galega de Artesanía.

Pola súa parte, a parlamentaria do BNG Carme González, cuxo grupo se pronunciou en contra do texto, lamentou que, a pesar de tratarse dunha "lei moi necesaria", o texto é "decepcionante" por estar "baleiro de contido".

"Só vai servir para a nota de prensa do PP anunciando a súa aprobación", lamentou a deputada nacionalista, que considerou que se trata dunha "oportunidade perdida" para apoiar o "excelente traballo dos artesáns".

"Unha lei baleira de contido que reduce a 13 artigos, con moi pouca sustancia, a regulación dunha actividade que forma parte da nosa cultura", censurou para advertir tamén de que o texto pretende "converter a artesanía galega nun caixón no que encaixar calquera tipo de actividade".

Enfronte, a deputada popular Cristina Sanz destacou que esta norma pon o foco nunha dos sinais máis importantes da economía galega e dixo que, 30 anos despois da aprobación da primeira normal, resulta importante "unha actualización da normativa".

Comentarios