Galiza fará bandeira da súa artesanía en Corea do Sur

Máis de 50 artesáns e artesás de diferentes oficios participarán os vindeiros 7, 8 e 9 de xullo no recinto histórico dos Pendellos de Agolada (comarca do Deza) no xa tradicional Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular da Galiza.
Obra da ceramista Marta Armada. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Obra da ceramista Marta Armada. (Foto: Nós Diario)

A cesteira Idoia Costa, a ceramista Marta Armada e a artesá especializada en escultura téxtil Mercedes Vicente, que forman parte da marca Artesanía da Galiza, participarán na décimo terceira edición da Cheongju Craft Biennale, que se celebrará en Corea do Sur do 1 de setembro ao 15 de outubro, na que participan outros 28 artesáns.

Así, as tres artistas serán representantes do inmenso talento que desborda a artesanía galega na actualidade.

A Bienal de Artesanía de Cheongju comezou no ano 1999 como a primeira bienal de artesanía do mundo e hoxe en día está consolidada como un importante evento de artesanía contemporánea, un encontro que atrae a máis de 300.000 visitantes e que permitirá coñecer preto de 3.000 creadores de 60 países diferentes.

As obras das tres representantes galegas estarán encadradas nunha selección de máis de 150 pezas de 31 artesás e artesáns do Estado español, baixo o nome de Soul Matter, comisariada por Rubén Torres.

Participantes

Obra da cesteira Idoia Costa. (Foto: Nós Diario)
Obra da cesteira Idoia Costa. (Foto: Nós Diario)

A cesteira Idoia Costa (Outeiro de Rei, comarca de Lugo), Premio Artesanía da Galiza 2022 pola súa peza ‘Abisal’, que precisamente é a imaxe da colección que participará na bienal, é unha referencia da artesanía contemporánea estatal a través da actualización das técnicas da cestaría e a súa aplicación a diferentes materiais como as fibras téxtiles, o coiro ou a tanza de pesca.

Colaboradora desde o ano 2012 da firma Loewe, Idoia Costa enfoca a súa actividade cara a unha cestaría máis artística e menos funcional. Marcas como Zara Home, Adolfo Domínguez ou LaNena Home contaron con ela para intervir con montaxes de cestaría as súas tendas.

Obra da ceramista Marta Armada. (Foto: Nós Diario)
Obra da ceramista Marta Armada. (Foto: Nós Diario)

Así mesmo, a ceramista Marta Armada (Vigo), Premio Artesanía da Galiza 2014 co seu colar 'Sen lastre', está especializada na xoiaría cerámica e conta cunha dilatada carreira na que combina creación artística e oficio artesanal.

Armada foi artista residente en Taiwán e galardoada co Premio Recomendación na Taiwan Ceramic Biennale 2020 e cunha Mención Honorable na 10th International Ceramics Competition Mino 2017, en Xapón.

Argonauta, da escultora Mercedes Vicente. (Foto: Nós Diario)
Argonauta, da escultora Mercedes Vicente. (Foto: Nós Diario)

Pola súa banda, Mercedes Vicente (Brión, comarca de Compostela) está especializada na creación de esculturas a partir de tiras de tecido. Despois de traballar noutros ámbitos como a pintura ou a escultura, desenvolve a súa propia metodoloxía para achegarse ao téxtil desde o volume e crear as espirais que a caracterizan.

Foi precisamente cunha delas, ‘Scalaria Bifurca’, coa que resultou finalista do Loewe Craft Prize 2018, a segunda edición deste certame internacional que recoñece a excelencia e a innovación na artesanía contemporánea. Foi a única artista estatal entre os finalistas e a súa peza participou na exposición colectiva organizada polo Loewe Craft Prize no Design Museum de Londres.

Agolada, corazón da artesanía

Os Pendellos de Agolada, no Deza, collerán máis unha vez o encontro de artesanía tradicional e popular da Galiza. (Foto: Nós Diario)
Os Pendellos de Agolada, no Deza, collerán máis unha vez o encontro de artesanía tradicional e popular da Galiza. (Foto: Nós Diario)

Xa no país, máis de 50 artesáns e artesás de diferentes oficios e 30 expositores de produtos de alimentación participarán os vindeiros 7, 8 e 9 de xullo no recinto histórico dos Pendellos de Agolada (comarca do Deza) no xa tradicional Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular da Galiza.

Trátase dun evento integral destinado a divulgar os oficios artesanais, a impulsar a comercialización da marca Artesanía da Galiza e doutros produtos gourmet de calidade, así como buscar sinerxías entre artesanía e outros sectores como a arquitectura, o deseño ou a gastronomía.

Durante tres días Agolada xuntará tradición e vangarda nun encontro único no que estarán representados artesáns e artesás da xoiaría e a orfebrería, a sombreirería, a sombreirería, os instrumentos musicais, a alfararía, a cerámica, a elaboración de zocos, a marroquinaría, o téxtil, a elaboración de redes, o traballo coa madeira e co papel, a forxa, a cestaría, as tellas e os labores de palla.

Obradoiros especializados, espectáculos e concertos musicais completan a programación dun evento que hoxe en día representa o máximo nivel da artesanía tradicional galega.

Comentarios