18-F

Abel Caballero evita valorar o resultado do PSOE en Vigo tras asumir o protagonismo durante a campaña electoral

O PSdeG perdeu máis de 12.500 votos na cidade olívica na xornada electoral deste domingo, situándose en terceira posición por detrás de BNG e PP

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, nunha comparecencia recente ante os medios. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)
photo_camera O alcalde de Vigo, Abel Caballero, nunha comparecencia recente ante os medios. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)

O alcalde de Vigo e presidente da agrupación socialista local, Abel Caballero, trasladou esta segunda feira os seus "parabéns" ao PP e a Alfonso Rueda pola súa vitoria nas eleccións galegas deste domingo, e fíxoo a través dunha concisa mensaxe na rede social X (antes Twitter).

O rexedor, que acaparou o protagonismo durante a campaña electoral na cidade olívica —participando en roldas de prensa e incluso aparecendo na cartelaría—, publicou un 'post' coa imaxe da bandeira e o escudo da Galiza, no que felicita Rueda "pola súa vitoria electoral, contundente e inapelábel".

"A miña felicitación democrática e o meu desexo do mellor para a Galiza", reza a mensaxe de Abel Caballero.

O líder socialista vigués, con todo, non fixo mención algunha aos resultados do seu partido na Galiza nin na cidade que el dirixe, onde o PSdeG perdeu máis de 12.500 votos, ficando con 30.781 papeletas, e con case 12 puntos de apoio menos con respecto ás anteriores eleccións galegas. Tampouco o fixo en declaracións aos medios na noite electoral, como acostuma facer.

Así o PSdeG pasou nestes comicios a ser terceira forza política na urbe olívica, por detrás do BNG (que se converteu en primeira, crecendo un 13,7% e con máis de 25.000 votos adicionais, até os 56.820) e do PP (que tamén subiu case 10.000 votos, até os 54.010).

Todo iso nun contexto no que o propio Abel Caballero asumiu o peso e o protagonismo da campaña electoral en Vigo, onde os carteis electorais do PSdeG lucían, no mesmo plano, a imaxe do alcalde e a do candidato, José Ramón Gómez Besteiro.

Comentarios