Rumo á III Asemblea Nacional

Anova, sobre En Marea: "Pecaríamos de inxenuidade se pensásemos que xa é unha conquista consolidada"

A consolidación de En Marea como suxeito político no "espazo de ruptura" é o principal propósito que anima a Anova Irmandade Nacionalista no seu proceso congresual en curso. A formación liderada por Beiras realizará o plenario da súa III Asemblea Nacional o 18 de Marzo en Pontevedra sob o lema de "Galiza, no camiño da Unidade Popular".

Anova
photo_camera O Plenario da III AN de Anova será o 18 de marzo en Pontevedra

O proxecto de teses co que concorre Anova a esta cita asemblear está atravesado por unha idea matriz: o proceso de construción da unidade popular encarnado por En Marea non está exento de contradicións e o seu futuro dista moito de estar garantido. 

De acordo coa análise da dirección de Anova, En Marea debátese entre dúas tendencias, aquela -na que se insire a formación de Beiras- que postula o aprofundamento dos acordos da asemblea constitutiva da confluencia visando criar unha organización de afiliación individual e aqueloutra que parece máis cómoda no modelo de coligazón de forzas políticas (aquí estarían basicamente sectores de Podemos).

O debate sería, pois, ou máis En Marea ou xa abonda coa Marea que hai.

Para Anova, a Asemblea Constitutiva de En Marea, realizada en Vigo o 31 de xullo de 2016, "supuxo un paso máis na consolidación do espazo de ruptura", segundo se pode ler no rascuño das teses a debate. "Nel cristaliza a idea que Anova defende desde o primeiro, e tamén outros sectores de En María, e así abrimos colectivamente a porta á participación de persoas sen adscrición partidaria que non tiñan maneira de activarse politicamente na anterior forma-coligazón", acrescenta o relatorio.

A Asemblea de Vigo apontaría na boa dirección, mais os seus logros son aínda fráxeis, vén dicer Anova. "A Asemblea Constituínte de Vigo toma a forma dun proceso que desde a base configura unha nova organización. Este elemento de participación e toma de decisión supón un grande acerto da nosa aposta política, aínda que pecaríamos de inxenuidade se pensásemos que xa é unha conquista consolidada", analisa.

Intereses de parte

O probábel, pensa Anova, é que durante algún tempo vaia pervivir "unha contradición entre a posibilidade de construír un suxeito autónomo de ruptura, cos seus procesos políticos e participativos propios, baseados na toma de decisións democráticas, e a tendencia a non mover En Marea do cómodo espazo da coligazón de partidos, que garante a primacía dos intereses de parte sobre os do suxeito común".

BeirasA contradición interna no seo de En Marea non se esgota só no terreno organizativo (confluencia versus coligazón de partidos), senón que tamén ten a ver con aspectos nidiamente políticos, sobre a orientación a seguir. E aí Anova aposta claramente nun discurso de retorno ao rupturismo inicial, isto é, máis pablista do que errejonista por nos movermos nos marcos de discusión estabelecidos polo aliado estatal de referencia do partido liderado por Beiras. "No seu momento actual, En Marea está sometida a diversas tensións. A tensión entre a forma coligazón e a forma suxeito autónomo. Non é unha contradición formal; agocha unha verdadeira contradición política. Entre a ruptura e a xestión. Entre o movemento e o partido clásico. Entre a organización republicana multitudinaria e certa refundación nun partido de cadros clásico. Entre o desbordamento popular e a lóxica do réxime de representación", lese nas teses.

Por se non ficase claro, o relatorio remacha: "A aposta estratéxica de Anova segue sendo clara: suxeito autónomo, ruptura, democracia radical, organización republicana e desbordamento popular".

Continuidade das forzas políticas pre-existentes

En todo caso, no debate sobre se as forzas políticas pre-existentes a En Marea terán algún rol no futuro ou deberán disolverse no seo da confluencia, as teses non entran a fondo, aínda que si deixan unha frase que en teoría apunta a compatibilidade entre as dúas formas de organización: co partido instrumental o que se tencionaría sería ir a anovar identidades e dinámicas "sen que iso signifique que os espazos e organizacións previamente existentes teñan que desaparecer".

Por que caeu En Marea de decembro de 2015 a xuño de 2016?

O relatorio non evita reflectir sobre as causas que levaron a que os apoios de En Marea descesen das xerais de decembro de 2015 (6 actas no Congreso e 2 no Senado) ás de xuño de 2016 (5 no Congreso e 1 no Senado). Anova salienta que no interín "un continxente importante de votantes retrocederon principalmente á abstención". A análise básica é que o retroceso se debe a que se produciu "un abandono progresivo  non só dos discursos que deron lugar aos momentos de rebelión cívica, senón tamén das prácticas de unidade popular, de lealdade mutua na acumulación de forzas, de entrega á confluencia máis alá das lóxicas de parte".

Houbo unha dinámica de "substitución dos procesos de unidade popular por unhas lóxicas pechadas de coligazón", o que contribuíu para "rebaixar resultados por mor dun sentimento de distancia entre os continxentes de votantes potenciais e as organizacións, que parecían operar xusto contra as lóxicas que ocasionaron éxitos sen precedentes e asumir na práctica as lóxicas políticas dos adversarios".

Existe a percepción de que "non houbo, non o hai, un funcionamento real e cohesionado das e dos deputados de En Marea como grupo compacto"

Segundo a análise de Anova, esta dinámica condicionou os resultados das eleccións galegas de Setembro de 2016 [en que En Marea, embora superar o PSOE, ficou aquén das súas expectativas].

A formación de Beiras analisa tamén que "a non consecución do grupo parlamentar propio" puido ter tamén a ver coa queda nas urnas. E non só iso, mais tamén a percepción de que "non houbo" -nen tampouco hai, enfatiza Anova- "un funcionamento real e cohesionado das e dos deputados de En Marea como grupo compacto".

E nese sentido anota Anova que "os bloqueos na comisión de coordinación [de En Marea] foron moi elocuentes nese sentido".

Por que se desmobilizou parte do eleitorado potencial?

O problema foi a desmobilización de parte do eleitorado potencial, froito dunha equivocada orientación política, analisa o rascuño das teses. "Pasamos de vernos como a opción de ruptura co existente a oferecernos como unha opción de goberno e xestión do existente".

Que facer perante esta situación para recuperar o apoio perdido no camiño? A receita é resgatar o espírito rupturista fundacional, entende Anova: "Fronte á normalización que o réxime busca, as forzas e os espazos de ruptura debemos opoñer sen tregua a profundización nos nós de ruptura, nas brechas abertas no tecido feble do réxime".

Ou sexa, voltar ás orixes fundacionais do proxecto, non apañar atallos. Iso é o que propón o rascuño das teses de Anova, a debate agora nas asembleas de base da organización (até o 8 de marzo), nun proceso ao que porá o ramo o plenario a se realizar en Pontevedra o 18M.

Comentarios