Anova continúa sen desbotar que Beiras encabece a candidatura da Marea

As fontes da formación consultadas por Sermos Galiza afirman que non desbotan ningunha opción como cabeza de cartaz, tampouco a de Beiras.

Beiras En Marea
photo_camera Xosé Manuel Beiras

Días atrás, Yolanda Díaz, o referente de Esquerda Unida na Galiza, posicionouse claramente en favor de que unha persoa independente liderase a lista da Marea nas eleccións galegas do outono. Fíxoo non sen antes gabar a figura de Beiras, de quen dixo que é un "dos grandes".

Sermos Galiza xa informou no seu día de que a opción de Beiras como número un da candidatura non ten apoios en sectores moi significativos das mareas municipalistas -singularmente no pazo de María Pita-, en Podemos e mesmo en algúns núcleos de Anova que terían posto os seus ollos en Martiño Noriega

A líder de Esquerda Unida na Galiza mostrou a súa inclinación por apostar en perfís do estilo de Luís Villares, portavoz de Xuíces pola Democracia no país e ao que algúns meios situaron na órbita da Marea.

Perguntado ao respeito por Sermos, as fontes consultadas de Anova indican: "Ninguén está descartado. Beiras tampouco".

A prol da figura de Beiras arguméntase o seu grao de coñecimento practicamente universal na Galiza e a súa capacidade de antagonizar con Feijóo. En contra, a súa avanzada idade -ten 80 anos- e que sexa "candidato de parte", isto é, dirixente dun dos partidos políticos integrados na Marea.

Este é un dos asuntos a debate. Se o cabeza de cartaz debe ser un cadro político ou unha persoa da sociedade civil. "Non me parece progresista que se criminalice as persoas que temos perfil e experiencia política. Hai outras que se queren apresentar como persoas do mundo social, cando en realidade levan anos de militancia en organizacións", afirman fontes de Anova.

Este é un dos asuntos a debate. Se o cabeza de cartaz debe ser un cadro político ou unha persoa da sociedade civil

O debate sobre a lideranza entrevérase tamén coa discusión sobre a forma organizativa. Anova, EU e Podemos, informa La Voz de Galicia, non chegaron a un acordo sobre a hipótese de se apresentar como partido instrumental o 26X. Isto significa que manterán a fórmula do 20D, ou sexa, irían en coligazón. Anova rexistara esta mesma semana En Marea como partido perante o Ministerio do Interior co argumento de que iso facilitaría a consecución dun grupo parlamentar. Podemos e EU argüen, en troca, que en realidade a decisión final a tomará a Mesa do Congreso, con independencia da formulación organizativa pola que se opte, partido ou coligazón.

O certo é que, aínda sendo En Marea partido, sería doado que desde unha Mesa do Congreso non favorábel aos intereses de Podemos e confluencia se impedise a formación do grupo co argumento de que no seu seo habería militantes dun partido -o morado- que tería grupo aparte.

Mentres tanto, as mareas en común -plataforma municipalista- realizará este sábado en Ames unha cimeira co obxectivo de avanzar na democratización do proceso, visando que non fique nun remake do 20D, con acordos cupulares entre tres forzas políticas (Anova, EU e Podemos).

Comentarios