Anova asegura a súa "representación con garantías" nas eleccións galegas e mantén negociacións "formais" desde esta semana

Martiño Noriega e Antón Sánchez
photo_camera Martiño Noriega e Antón Sánchez

O responsábel das relacións políticas de Anova e ex alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, asegurou que a "representación" do partido nas próximas eleccións galegas está "garantida" e avanzou que o seu partido mantén negociacións "formais" desde esta semana co espazo "rupturista" galego.

En declaracións aos medios esta cuarta feira na capital galega, Noriega non precisou con quen se estableceron eses contactos nin tampouco falou de líderes polo momento, xa que é "un debate que non está sobre a mesa". "Valo máis polo que calo que polo que digo", engadiu, á vez que aclara que "no espazo de confianza é no que se constrúen as relacións políticas".

Ante a posibilidade dun adianto electoral, Noriega sinalou que Anova "é un espazo heterodoxo que sempre foi ao límite nos prazos" pola "complexidade" á hora de articularse como unha organización política que non é "tradicional". Con todo, "se hai que acelerar" o proceso acelerarase "", ratificou.

Por agora, o seu traballo céntrase en "testar" o espazo rupturista e "o que ten que ver coas mareas municipalistas" para "analizar as condicións" dun momento no que se consideran "decisivos na aritmética para cambiar o Goberno" da Xunta.

En todo caso, a prioridade de Anova é "antepor o país e a posibilidade de ter un Goberno alternativo a Feijóo", traballando "rápido e en silencio", xa que "os prazos apuran" nun "momento histórico".

Comentarios