Ana Pontón critica a "caciquil" repartición dos recursos da Xunta aos concellos

A líder da oposición mantivo unha reunión no Parlamento con alcaldes, alcaldesas e responsábeis municipais nacionalistas, e denunciou que "os Concellos galegos teñen 50 euros menos de media por habitante que a media estatal".
Ana Pontón, no centro, no encontro municipal do BNG (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón, no centro, no encontro municipal do BNG (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denunciou onte que a Xunta reparte os fondos para as Administracións locais de forma "caciquil e arbitraria" e subliñou que é "urxente crear un fondo extraordinario de achega económica para que os Concellos fagan fronte aos gastos enerxéticos".

A líder da oposición mantivo unha reunión no Parlamento con alcaldes, alcaldesas e responsábeis municipais nacionalistas, e denunciou que "os Concellos galegos teñen 50 euros menos de media por habitante que a media estatal".

O BNG explicou que a Xunta prevé nos orzamentos de 2023 unha partida para os Concellos de 564,4 millóns de euros, "mais só 143,4 van estar destinados ao Fondo de Cooperación Local". 

Así, Pontón denunciou que estes datos reflicten que o Goberno galego distribúe de "maneira discrecional e caciquil 74,6% dos fondos". Ademais, criticou que nos últimos dous anos "asináronse 58 convenios dentro do Plan urbe da Xunta [de actuacións urbanas]" e que destes "57 foron con Concellos gobernados polo PP".

Nesta liña, Pontón anunciou que presentará unha emendas ás contas para asegurar unha repartición de fondos "transparente e que garanta a igualdade".

Lei consensuada coa Fegamp

De igual modo, Pontón proporá a elaboración dunha lei, consensuada coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), de regulación da participación nos ingresos da Galiza en que se clarifique cal é a participación anual e os criterios de reparto, e defenderá a elaboración dun plan galego de financiamento dos concellos, para o que avogou en primeiro termo por integrar no Fondo de Cooperación Local as axudas e subvencións anuais que o Goberno galego destine ás entidades locais.

A isto engadiu a creación dun fondo anual para infraestruturas destinado aos concellos para que "tamén haxa unha transferencia equitativa neste ámbito de actuación".

Propostas "todas elas en positivo e que deberían recoller os orzamentos da Xunta para 2023", concluiu a líder nacionalista.

Comentarios