ESTA MAñá EN LUGO, DEBATE PARODIA "EJPAñA A 4"

Para Ana Pontón, o voto ao BNG "vale dobre" porque derrota o PP e "dá voz a Galiza"

Na ponte de mando do BNG preocupa o chamado voto útil, preocupa que tradicionais eleitores nacionalistas se vexan seducidos polas forzas que xa tiveron representación o 20D. Daí que Ana Pontón enfatizase este domingo que o voto verdadeiramente útil é o do BNG porque vale "dobre".

Ana Pontón mitin Fene
photo_camera Ana Pontón, no mitin en Fene

"O voto ao BNG vale dobre porque serve para derrotar o PP e para dar voz a Galiza", afirmou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que se está a empregar a fondo na súa primeira campaña como líder da formación frentista.

Nunha xornada dominical con mitins en Fene e Cambados, Pontón deslizou dúas mensaxes. A primeira, a da utilidade do voto ao BNG. A segunda, a crítica a unha democracia española que só tolera debate entre líderes de forzas estatais, con exclusión absoluta do soberanismo e, consecuentemente, da Galiza.

"Veremos nun debate entre os candidatos do Estado como non existimos [Galiza] nin para o vello bipartidismo, nin para o bipartidismo guai", dixo Ana Pontón en alusión ao dueto Cs-Podemos. 

O BNG satirizará esta mañá en Lugo o debate excluínte das forzas estatais

Mais Pontón aproveitou tamén para facer unha chamada á participación. A campaña está a ser algo fría en xeral e basicamente ten como marco a televisión, un terreno no que o BNG praticamente non existe. Destarte, líder e candidatos nacionalistas apelan a se mover por abaixo e a mobilización social: "Entendo o cabreo das persoas tras estes meses de paripé, pero a alternativa non é quedarse na casa, a alternativa é apostar polo BNG porque non os vai decepcionar e ademais é un voto que vale dobre", concluíu.

Rajoy, Sánchez, Iglesias e Rivera rivalizarán esta noite en pleno prime time. O BNG contra-ataca cunha sátira do debate -Ejpaña a Cuatro- que escenificará esta segunda feira en Lugo nun acto que decorrerá a partir das 12 horas na Praza Maior.

Comentarios