DEBATE NA SER ESTATAL

Ana Pontón, a Villares: "Quedarnos co traxe dos 80 é aspirar a moi pouco"

Novo asalto dialéctico entre as forzas políticas que compiten na carreira cara ao 25S. Foi na antena estatal da SER e estivo marcado por unha ausencia: a de Feijóo. Derrotado na TVG, optou pola incomparecencia. A discusión sobre o autogoberno abriu o confronto. Villares e Leiceaga partillaron posicións pro-Estatuto de 1981. Pontón pediu o dereito a decidir.

Debate SER, 16-9-2016
photo_camera Un momento do debate

Os estrategas de campaña decidiron hai xa semanas que Feijóo só se submetería a un único debate, o decorrido esta segunda feira na TVG. O seu desenvolvimento non mudou o roteiro da formación conservadora e mesmo reafirmou a tese de que, nos debates abertos, Feijóo perde máis do que gaña. Obxectivamente, o candidato do PP é un duro polemista e non só se defende ben, senón que ten unha grande capacidade para facer dano dialecticamente a calquer adversario. O problema para el é que o flanco da corrupción -esta semana no Estado o monotema foi o de Rita Barberá- abre demasiada marxe para a oposición. Hai outro argumento a prol da incomparecencia de Feijóo: o discurso do "ou eu ou caos" viuse debilitado desde o momento en que no mesmo debate da TVG ficou claro que na eventualidade de a direita non sumar 38 escanos, a oposición na Galiza si chegaría a un acordo para formar un goberno alternativo, algo que non se ten producido no Estado desde as eleccións do pasado mes de decembro (aspecto da cuestión que non foi pasado por alto por Pontón, quen afeou a Podemos e PSOE non se teren posto de acordo e teren dado a Rajoy "unha vida extra").

Leicega e Pontón cruzaron argumentos a respeito da relación fiscal entre Galiza e o Estado

O debate foi exprés, un concentrado de apenas 45 minutos. Tres blocos básicos. Autogoberno, economía e corrupción. No primeiro o PP mantivo o seu tradicional credo. Reforma da Constitución, si, mais nun sentido regresivo, para fixar as competencias exclusivas do Estado. As residuais para Galiza. Leicega fixo a súa enésima profesión de fe autonomista. A Galiza vaille ben na España autonómica e o país vive en parte da solidariedade do resto dos territorios (a tese foi respondida por Pontón, que puxo sobre a mesa o déficit fiscal da Galiza -o que aquí se recada é máis do que logo o Estado nos devolve-, isto deu lugar a unha breve inter-troca de golpes entre socialista e nacionalista). Villares voltou a defender que o "proxecto nacional" de En Marea consiste en desenvolver o actual marco político sen ir máis alá, e -embora si dixo que a Constitución non é un texto relixioso e que pode ser modificada- xustificou a súa posición co coñecido argumento de que na Galiza, a diferenza de Euskadi e Catalunya, a sociedade non demanda o dereito a decidir. Pontón retrucoulle que o país non deve ser conformista: "Quedarnos co traxe dos 80 [o Estatuto de Autonomía vixente é de 1981] é aspirar a moi pouco". Ficou mais unha vez claro que a alternativa a Feijóo ten un componente estatutista (PSdeG-En Marea) e outro nacionalista e soberanista (BNG).

Sobre corrupción, Puy tivo serios problemas á hora de explicar por que Feijóo non é capaz de lle pedir a Baltar que demita

Sobre economía, emprego e servizos públicos, a candidata e os candidatos reproduciron a inevitábel guerra de cifras que sempre se verifica entre o partido que ocupou o goberno e as forzas que sentaron nas bancadas da oposición. Sobre corrupción, Puy tivo serios problemas á hora de explicar por que Feijóo non é capaz de lle pedir a Baltar -imputado por suborno nun caso de acoso sexual- apresente a súa demisión.

Esta sexta feira cruzamos o ecuador da campaña. As liñas discursivas de todos os contendentes están á vista, sen grandes mudanzas. O PP xoga todo a concentrar o voto da direita nas súas listas (esta quinta feira Feijóo pediu o sufraxio directamente ao eleitorado de Cs co argumento de que Rivera o considera un bon relevo para Rajoy, se o voso líder me quere, vós teríades que votarme, veu dicer o candidato popular), en tanto que soberanistas e esquerdistas poñen o acento en que Galiza merece políticas favorábeis ás maiorías sociais e a rexeneración da vida pública.

No campo da oposición o disenso continúa a ser o do autogoberno, co BNG a defender en solitario o direito a decidir de Galiza fronte á tese de Villares e Leiceaga que esa causa non ten suficiente respaldo social.

Máis en POLÍTICA
Comentarios