A guerra en Ucraína, en directo, este 25 de marzo

Segue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína, minuto a minuto.
O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski (Ukraine Presidency / Palnet Pix vi /DPA); ruínas dun edificio en Mariupol (Xinhua News /ContactoPhoto Editorial) concentración en Dublín contra a guerra de Ucraína (Damian Storan / PA Wire / dpa)
photo_camera O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski (Ukraine Presidency / Palnet Pix vi /DPA); ruínas dun edificio en Mariupol (Xinhua News /ContactoPhoto Editorial) concentración en Dublín contra a guerra de Ucraína (Damian Storan / PA Wire / dpa)
 Actualizar

🔴 [EN DIRECTO]

20.50 | A ONU alerta de que tanto Rusia como Ucraína estarían a cometer crimes de guerra

A "magnitude" das baixas e os danos en infraestruturas, di Nacións Unidas, "suxire que se violou a prohibición de realizar ataques indiscriminados", ao tempo que mostra preocupación polas imaxes difundidas en redes de persoas atadas e humilladas en público.

19.30 | A Casa Branca afirma que os EUA non utilizarán armas químicas "en ningunha circunstancia"

O asesor de Seguridade Nacional da Casa Branca, Jake Sullivan, aclarou que Estados Unidos non utilizará armas químicas "en ningunha circunstancia", independentemente do que poida perpetrar Rusia en Ucraína.

18.55 | Tensión na cimeira da UE: Sánchez abandonou temporalmente a reunión molesto por unha filtración

Un xornalista de France 24 afirmou nas redes sociais que o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, ameazaba con "vetar as conclusións se non había cambios nos prezos" do gas, unha medida que rexeitaron Alemaña e os Países Baixos.

17.30 | 94 empresas galegas solicitaron un ERTE no último mes

Só nos últimos dous días rexistráronse 26 peticións, e desde o sector apuntan que están en risco até 100.000 postos de traballo vencellados á cadea alimentaria.

15.40 | A UE substituirá o gas natural ruso polo estadounidense

A Unión fecha un acordo cos EUA, que subministrarán 15.000 millóns de metros cúbicos de gas natural licuado para "reducir a dependencia de Rusia" e outros 50.000 millóns até 2030.

12.33 | EUA venderá 70% máis de gas licuado aos países da UE para "diminuír a dependencia enerxética" de Rusia

O presidente dos Estado Unidos (EUA), Joe Biden, anunciou que o seu país aumentará en 70% a cantidade de gas licuado que actualmente vende aos Estados membro da Unión Europea (UE) e así gañar os EUA máis diñeiro. A intención do acordo é "diminuír a dependencia enerxética" de Rusia.

10.21 | Ucraína eleva a "máis de 300" as persoas falecidas no bombardeo do teatro de Mariupol

O Goberno local de Mariupol afirmou nesta sexta feira que as persoas falecidas polo bombardeo ao Teatro Dramático de Mariupol son "máis de 300". Esta cifra chega despois de que un diario dixital dos Países Baixos publicase as primeiras imaxes que se gravaron no interior do edificio, minutos despois do impacto das bombas.

9.23 | Ana Pontón: "A solución vai vir máis polas vías diplomáticas, por buscar un acordo que sexa duradeiro"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou estar preocupada "por como está a sufrir a poboación ucraína, a primeira gran dagnificada". Tamén asegurou que a ofensiva militar rusa "non ten xustificación", mais matizou que "(UE e OTAN) non estaban tratando de frear canto antes a guerra".

Intre da entrevista de RTVE á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. (Foto: RTVE)
Intre da entrevista de RTVE á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. Foto: RTVE.

7.59 | As autoridades ucraínas denuncian "desaparicións e detencións ilegais" nas cidades do país

As autoridades de Ucraína denuncian que se están a producir "desaparicións e detencións ilegais" nas cidades do país. Neste sentido, as Nacións Unidas (ONU) afirmaron ter confirmado, polo de agora, a desaparición de 36 ucraínos e ucraínas. Asemade, nas últimas horas coñeceuse a liberación do miliciano español Mario García, de 73 anos, quen leva en Ucraína desde o comezo da guerra de Crimea, en 2014, e que fora detido polo exército ruso en Khersón cando participaba nunha manifestación contra a ofensiva militar rusa.

Comentarios