Ana Pontón preséntase como a candidata do cambio para "facer historia como a primeira presidenta e do BNG"

A líder nacionalista fechou a multitudinaria convención do BNG apelando a unha mobilización masiva para derrotar o PP cunha vitoria histórica e pór en marcha o mellor goberno de todos os tempos.
Ana Pontón, na convención nacional deste domingo, 28 de xaneiro, no Multiusos do Sar de Santiago. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón, na convención nacional deste domingo, 28 de xaneiro, no Multiusos do Sar de Santiago. (Foto: Nós Diario).

O Bloque Nacionalista Galego relanzou este domingo a candidatura de Ana Pontón á Presidencia da Xunta cun acto que excedeu o escenario elixido: o Multiuosos do Sar, en Santiago de Compostela.

Ao millar de persoas que seguiron as intervencións das cabezas de lista do BNG desde dentro, hai que sumar varios centenares que non perderon detalle a través dunha pantalla no exterior.

Pontón, que entrou ao acto entre proclamas de "presidenta", lanzou unha mensaxe de "esperanza" situándose como a alternativa de "cambio", convencida de que facer "historia" vai estar nun "presa de votos".

Centos de persoas seguiron a intervención de Pontón no exterior do Multiusos do Sar. (Foto: Nós Diario).
Centos de persoas seguiron a intervención de Pontón no exterior do Multiusos do Sar. (Foto: Nós Diario).

A dirixente nacionalista, apelou ao "soño" de espertar o 19 de febreiro cunha "presidenta". Neste sentido dirixiuse a todas as persoas indecisas, ás que chamou a acudir ás urnas para non ter que "arrepentirse" ao día seguinte por non ter ido ás urnas o 18 de febreiro.

"Son a candidata de todas as persoas que queren cambio e saben que apostar polo BNG é a maneira de logralo", proclamou Pontón, quen dixo que hai "moitas maneiras" de sentirse galegas e que todas son "necesarias".

Sobre facer "historia" tamén se pronunciaron as candidatas número uno por Lugo, Olalla Rodil,  e Ourense, Noa Presas, así como o cabeza de lista por Pontevedra, Luis Bará, que comparou a posibilidade de que Pontón sexa "a primeira presidenta" co "primeiro presidente" da Galiza, Castelao, ao cumprirse este 2024 os 80 anos da fundación do Consello da Galiza no exilio.

Primeira presidenta muller

Tras lograr en 2016 manter un grupo parlamentario do BNG con seis deputados e situarse en 2020 como segunda forza política e primeira da esquerda con 19 escanos; Pontón afirmou que en 2024 "este soño", o dunha primeira presidenta muller do BNG, "está máis perto que nunca".

"Depende dunha presa de votos, unha presa de votos pode cambiar a historia deste país", salientou. Na súa intervención censurou a xestión do PP nos últimos 15 anos e puxo en dúbida o compromiso de construír en "catro anos" 8.000 vivendas públicas despois de finalizar "22" desde 2015. "Alfonso, tanta trola, xa non coa", deulle como "consello" aínda que se confesou pouco partidaria facelos.

Pontón volveuse a presentar con "mans libres" e co compromiso de que nin ela nin "ninguén" do BNG vai cruzar "unha porta xiratoria". "Sei quen son, para que estou aquí e a quen me debo", certificou Pontón, arroupada nun escenario por membros da súa candidatura. E débese, dixo, a esas persoas que "tiveron que coller as maletas" para que poidan "volver", como lle dixo un galego afincado en Madrid no programa 'La Noche 24 horas' de TVE no que participou esta semana: "Ana, non podo votar, pero construíde a Galiza á que poida volver", rememorou. "A min só me van dar ordes os galegos e as galegas".

A líder nacionalista avisou de que o 18-F está "en xogo a Galiza da próxima década". Nesa xornada electoral aspira a lograr "un win win": "Un goberno do BNG e un futuro para a xente e derrotar Rueda e Feixoo dunha tacada".

"Este é un deses momentos nos que un país ten que erguerse para loitar polo seu futuro" e a iso convocou a cidadanía, a que o 18 de febreiro ningunha persoa que queira cambio quede na casa e a que ningún voto do cambio se perda".

A candidata do cambio

Pontón incidiu en que cada vez máis xente "está xirando a mirada cara o Bloque farta das vellas receitas fracasadas dos de sempre. Se queremos resultados diferentes, temos que apostar por algo diferente".

Aquí, a líder do Bloque ironizou sobre o nerviosismo do PP, consciente de que o cambio é imparábel. A quen aspira a un cambio real "quero dicirlles que son a súa candidata, non importa que papeleta colleron noutras eleccións".

A esa maioría social, Pontón comprometeu poñer en marcha "un país punteiro e vangardista". Haberá cambio, vaticinou, se o 18 de febreiro esa cidadanía que se mobiliza a favor da sanidade, da educación e do medio ambiente; a que defende unha Galiza da ciencia, feminista, diversa, con máis capacidade para decidir, na que a lingua floreza "apoia ao BNG".

Un millar de persoas arroupou Pontón e outras persoas candidatas ao Parlamento da Galiza. (foto: Nós Diario).
Un millar de persoas arroupou Pontón e outras persoas candidatas ao Parlamento da Galiza. (Foto: Nós Diario).

"Gobernemos nós a nosa terra"

A líder do Bloque concluíu inistindo en que quere facer historia como a primeira presidenta e do BNG, "pero non por min, senón por todas as persoas que defenden a sanidade, que loitan por un traballo decente, pola mocidade que quere chegar a fin de mes, polos maiores que reclaman unha vellez tranquila, pola xente que defende o noso mar, polos que resisten mantendo un rural en pé, polas que queren mil primaveras máis para a nosa lingua".

"Xuntos, xuntas fagamos realidade o soño de tantas xeracións, o de gobernemos nós a nosa terra, témolo ao alcance da man porque o momento é agora", proclamou, pechando unha masiva convención nacional.

Comentarios