A alcaldesa de Lugo avoga porque a esquerda "aúne esforzos" na circunscrición para evitar "voto inútil"

"Canto máis se divida, máis opción terá a dereita de perpetuarse no Goberno", avisa.

Lara Méndez. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A actual alcaldesa, Lara Méndez. (Foto: Nós Diario)

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, considera que a esquerda "debe xuntar esforzos", tamén nesta provincia, porque "cando hai moita división, fracciónase moitísimo o voto e hai moitas eleccións lexítimas que despois non alcanzan representación" e por tanto quedan como un voto "inútil".

Así se pronunciou, en declaracións aos xornalistas, en concreto á pregunta sobre a posibilidade de que se aglutine o voto en torno ao PSOE na provincia de Lugo se Sumar aceptase non presentarse tanto nesta provincia como na de Ourense.

"Estamos nun momento en que nos xogamos moitísimo", respondeu, en alusión aos últimos 15 anos e a que "a Galiza non avanzou en ningún dos ámbitos".

Agora, valorou, "Galiza ten que tomar unha decisión de avanzar, buscar progreso ou quedar estancada". "Canto máis se divida o voto da esquerda, máis opción terá a dereita de perpetuarse no Goberno", advertiu.

Cuestionada sobre o feito de que o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Besteiro, será o presidente da comisión de transportes no Congreso, Méndez mostrouse "segura" e "convencida" de que isto "significará un impulso importante para as infraestruturas galegas".

"Coñezo ben a súa figura, estiven oito anos traballando ao seu lado e sei do seu bo facer e a xestión que fixo", sinalou a rexedora luguesa.

Por último, indicou que na súa opinión o PSOE "tomouse sempre en serio" as eleccións na Galiza, e apelou ao "denominador común" no partido, "máis aló" da "autonomía e independencia" do PSdeG.

Comentarios