domingo 25/10/20

A alcaldesa do Porriño declarará como investigada por prevaricación o 5 de outubro

A socialista Eva García de la Torre declarará en relación á posíbeis irregularidades na adxudicación de contratos para servizos de limpeza viaria ou xardinería.
Eva garcía de la Torre, alcaldesa do Porriño (Imaxe: Europa Press).
Eva García de la Torre, alcaldesa do Porriño (Imaxe: Europa Press).

A rexedora do Porriño, a socialista Eva García de la Torre, declarará o vindeiro 5 de outubro nos xulgados deste municipio como investigada por un delito de prevaricación administrativa.

Neste procedemento, que decorre no xulgado de instrución número 2, están investigados Manuel Carrera, quen foi edil de Vías e Obras polo partido Unión Democrática da Louriña e logo polo PP, e mais Orlando Márquez, exconcelleiro socialista de Limpeza. Tamén varios empresarios e unha empresa de asesoría.

A investigación comezou hai varios anos, ramificándose en diversos procedementos a raíz de varias denuncias, algunhas do PP. Neste caso concreto, investíganse supostas irregularidades na adxudicación dos contratos para servizos de limpeza viaria ou xardinería entre outros.

A actual alcaldesa admitiu publicamente que podería haber irregularidades administrativas, se ben descartou a prevaricación.

García de la Torre xustificou ante a Fiscalía a adxudicación dos contratos pola necesidade de que o Porriño dispuxese dos servizos mentres se traballaba no procedemento dunha licitación. Tanto Carrera como Márquez declararon xa por esta causa, mentres que o 5 de outubro está fixada a quenda da alcaldesa. 

comentarios