Altri ameaza o emprego na Ulloa, que hoxe ten unha taxa de paro inferior á media

Os empregos que ofrecería a celulosa de Altri en Palas de Rei, 500 directos segundo a empresa, poderían pór en perigo, debido á contaminación da pasteira, as actuais taxas de desemprego na comarca, inferiores ao 10% nos 13 concellos da Ulloa e da súa contorna.
Simulación da planta de Altri no Predio de Quintas en Palas de Rei (A Ulloa), seguindo o proxecto publicado no DOG.
photo_camera Simulación da planta de Altri no Predio de Quintas en Palas de Rei (A Ulloa), seguindo o proxecto publicado no DOG. [Autor: Miguel Leiva Torreiro]

A Ulloa, O Deza e Terra de Melide son as tres comarcas que máis se verían afectadas directamente polo proxecto da macrocelulosa que a empresa portuguesa Altri proxecta en Palas de Rei (A Ulloa). Entre as tres comarcas suman, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), 60.474 habitantes, sendo a máis numerosa a do Deza, con 39.771 nos seus seis concellos, seguida polos 11.877 da Terra de Melide e os 8.826 da Ulloa. En total, abranguen 13 concellos e en todos eles, segundo os datos do IGE do pasado mes de febreiro, a taxa de desemprego é inferior á media galega (11,2%) e estatal (11,5%). Os datos dese mes indican que na Ulloa o paro estimado é de 8,8%, no Deza de 8,6% e na Terra de Melide de 8,4%, Aliás, na veciña comarca de Arzúa, a taxa de desemprego é de 7,5%.

O sector servizos acapara boa parte da actividade en todo este territorio, seguido do agrogandeiro. Precisamente, estes dous sectores son os que ven perigar a súa continuidade e futuro en caso de que Altri finalmente se instale en Palas de Rei. No caso do Camiño de Santiago, pola “perda de valor” do traxecto do Camiño Francés entre Palas de Rei e Melide debido ao impacto na paisaxe e á contaminación da celulosa. Por esta zona pasan de media uns 700 peregrinas e peregrinos ao día, xa que perto de 300.000 percorren o Camiño Francés ao ano.

Sector agrogandeiro

No caso do sector agrogandeiro, o problema é a chuvia ácida que, segundo especialistas, vai producir a celulosa de Altri. O físico Miguel Leiva Torreiro, veciño de Chorén, Santiso (Terra de Melide), ten estudado as táboas de emisión do proxecto presentado. “Emitirá pola cheminea de 75 metros 3.000 toneladas ao día de CO2, o equivalente a 75 camións. Emite case tanto CO2 como a térmica das Pontes (Eume), que funciona con gas e ten unha cheminea de 350 metros”.

O profesor Leiva explica que para facer a celulosa solúbel “só hai o método de toda a vida, con sosa e sulfuro de sodio a 160 graos e 7 atmosferas”. Advirte ademais da presenza no proxecto de Altri de ácido sulfúrico, auga osixenada, propano e metano, entre outras sustancias perigosas. Estas poderían ocasionar chuvias ácidas que afectarían o sector agrogandeiro dunha área xeográfica que conta, entre outros activos económicos, coa empresa Campomaior, a que máis ovos produce na Galiza e en todo o Estado, ou a Denominación de Orixe Arzúa Ulloa, a segunda en venda de queixos a nivel estatal.

Desde o Sindicato Labrego Galego, Xulio Fernández afirma que en catro concellos principalmente afectados “temos unha importante produción agraria, sumando 758 granxas. Os concellos de Palas de Rei, Melide, Santiso e Agolada teñen 258 granxas que producen 82.193.664 litros de leite ao ano”. Ademais, a porcentaxe de persoas afiliadas á Seguridade Social Agraria respecto do total, é en Palas de 24,85%, en Santiso 29,87 % e en Agolada 21,83%. “Estes tres concellos e Melide suman case mil altas na Seguridade Social Agraria (989), ao que habería que engadir empregos indirectos”, sinala.

O marisco e a pesca

Na ría de Arousa tamén hai “preocupación” polo efecto da contaminación na actividade. O presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), Xaquín Rubido, cifra en máis de 16.700 as traballadoras e os traballadores dependentes do sector nesta ría que se verían afectados pola contaminación do río Ulla —que desemboca na Arousa— a causa das verteduras e do uso da auga de Altri. Son 1.540 mariscadoras a pé, 1.558 embarcacións pesqueiras e marisqueiras, 2.319 bateas de mexillón (supoñen 4.177 empregos directos máis os xerados en terra) e 140 operadores nesta ría rexistrados no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica da Galiza (Craega).

"Estudo pseudocientífico"

Xerardo Pereiro é antropólogo social e cultural e profesor do Departamento de Economía, Socioloxía e Xestión da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD) en Portugal. Examinou a parte do impacto socioeconómico da documentación exposta por Greenfiber -sociedade coa que Altri, con Greenalia, quere desenvolver a fábrica de celulosa en Palas- para a Avaliación de Impacto Ambiental (AAI) e a súa conclusión é que “a parte socioeconómica, o estudo que se fixo, é moi escaso, pobre e pseudocientífico”. Asegura en conversa con Nós Diario que “non se pode facer un proxecto e pedir unha AAI cun estudo socioeconómico tan mal feito, con tal falta de credibilidade”.

“Non citan as fontes de onde sacan os datos, pero usan estatísticas 'torturadas' para confirmar unha opinión. Nun estudo destes hai que ser serios, tería que estar moi afinado sobre as bases económicas do territorio, e non é así neste caso”. Sinala que a cuestión demográfica das zonas afectadas pola a construción da celulosa na Ulloa “está tamén mal tratada, sen ter en conta os estudos oficiais que existen e o feito da poboación vinculada -que ten residencias de verán e fins de semana-, que nestas zonas é moi importante”.

O profesor Pereiro refírese ademais ao feito de consideraren desde a empresa esta zona coma “deprimida”, afirmando que “é unha connotación que ten moito de política e pouco de ciencia, é un concepto psicoloxicista como falar de desertificación no canto de despoboamento. En todo caso ás veces con menos xente prodúcese máis”, afirma. De feito, os datos que usa o proxecto presentado por Altri en canto a PIB por habitante, do IGE de 2020, deixan claro que tanto Palas de Rei como A Ulloa teñen un PIB per cápita no tramo “medio-alto” da Galiza, con 24.234 euros por habitante no caso de Palas e 21.423 euros per cápita de media na Ulloa.

Baile de cifras

As cifras de creación de emprego ofrecidas por Altri e a Xunta da Galiza foron diminuíndo nos últimos dous anos por parte dos defensores do Proxecto Gama. En decembro de 2022 o presidente, Alfonso Rueda, cifraba estes empregos en 2.500 postos de traballo directos, para xustificar a concesión a Altri de Proxecto Industrial Estratéxico.

Dez meses despois, outubro de 2023, o conselleiro delegado de Acento Public Affairs, principal padriño da empresa lusa na Galiza, e ex ministro socialista de Fomento, José Blanco, explicaba nun acto organizado en Lugo a importancia deste proxecto de Altri en Palas porque “vai xerar 1.500 empregos”. En só uns meses baixaba a previsión da Xunta en 1.000 empregos. Ao mes seguinte, novembro de 2023, o director do proxecto de Altri na Galiza, Bruno Dapena, explicaba en varios medios de comunicación que “estimamos que cando opere a fábrica xerará 500 empregos directos”.

Coa publicación do proxecto no Diario Oficial da Galiza (DOG) o pasado 4 de marzo sóubose que a planta vai contar con tratamento de augas sanitarias con capacidade para 200 persoas. Desde Altri defenden a existencia de quendas entre o persoal, pero expertos neste tipo de proxectos industriais consultados por Nós Diario aseguran que para dimensionar o tratamento de augas sanitarias nun edificio industrial “sempre se tira por riba da cifra de persoas previstas no edificio ao longo dunha xornada”.

Ulloa viva e con emprego

A respecto dos cambios da Xunta e da empresa nas cifras de emprego que xerará Altri, desde a Plataforma Ulloa Viva piden “rigorosidade nos datos”. Aseguran que a Xunta “leva meses dando as costas aos datos científicos e de expertos que avalan que este proxecto é un atentado contra o corazón da Galiza”. Desde a plataforma contan cun equipo de especialistas en materia socioeconómica que levan máis de un mes analizando o proxecto.

A voceira de Ulloa Viva, Marta Gontá, explica que “estas comarcas non son atrasadas nin empobrecidas nin deprimidas”, como di a empresa. Ao contrario, “contan cunha economía diversificada e sostíbel que mantén a calidade de vida destas zonas e proba diso é que todos os concellos teñen taxas de paro inferiores á media galega”.

Os efectos da construción da fábrica

Altri prevé que na construción da planta en Palas de Rei traballen 4.000 persoas. No Estudo de Impacto Ambiental na 'Fase 2: Instalación', recoñece que “a implantación dunha empresa industrial pode traer consigo un aumento da poboación local, coa contratación de traballadores e empregados relacionados coa industria. Isto podería xerar cambios na dinámica social da comarca relacionados co Camiño Francés. O aumento da poboación e a chegada de persoas con orixes e culturas diferentes pode chegar a influír nas tradicións locais, a interacción actual da comunidade e o xeito en que se levan a cabo certas actividades sociais”.

O proxecto fala de picos de 4.800 operarios nas obras e dunha “cantina” que serviría ao día 4.800 menús. Antropólogos como Xerardo Pereiro sinalan que na práctica “serían de dous a tres anos de conflitos” entre as necesidades habitacionais e de manutención desta nova poboación (case a mesma que agora teñen xuntos os concellos de Palas, 3.346 habitantes, e Antas de Ulla, 1.887), o que podería interferir na prestación e a calidade dos servizos á poboación actual e turistas.

As obras de construción dos edificios do proxecto (de 50 a 60 m de alto), suporían remover 1,3 millóns de m3 de terra, necesidade de electricidade de 960 MW e consumos de auga de 350 m3 ao día. A empresa solventa posíbeis afeccións acústicas durante as obras comparándoas con “sons da natureza coma paxaros chiando, rumor das follas...".

Concellos en contra

O Concello de Arzúa informou esta cuarta feira de que aprobou, co voto en contra do PP, presentar alegacións contra a celulosa. Súmase así ao rexeitamento de Taboada, Láncara, Rianxo, Sarria, Melide, Vila de Cruces e a Deputación de Lugo.

Comentarios