O alcalde de Ourense decreta o cesamento da tesoureira municipal: "É demasiado mexeriqueira"

Gonzalo Pérez Xácome decretou o cesamento da tesoureira municipal do Concello, que levaba no cargo desde o ano 2018
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, nun pleno do Concello. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, nun pleno do Concello. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, decretou o pasado mes de xaneiro o cesamento da tesoureira municipal do Concello, que levaba no cargo desde o ano 2018, cando o rexedor era Jesús Vázquez (PP).

Así figura na orde do pleno ordinario que terá lugar 1 de marzo e no que se dá coñecemento de dous decretos: un, do 12 de xaneiro, que confirma o cesamento da funcionaria e outro, do 19 de febreiro, polo que a nomea viceinterventora xeral do Concello.

A decisión de cesar a funcionaria anunciáraa Xácome xa en setembro de 2023, despois de que nun pleno no que se debateron varias modificacións orzamentarias se referira á tesoureira como "demasiado mexeriqueira".

"Retarda todo, é moi tiquismiquis [mexeriqueira], demasiado, máis que un notario", apuntou entón o alcalde, antes de engadir: "Non a podemos despedir porque si e ten que ficar cun posto similar". De tal modo, pasará a ser viceinterventora.

Esta decisión sobre a tesoureira chegará ao pleno municipal días despois de que o interventor presentase unha demanda por acoso laboral e por incumprimento de medidas de seguridade contra o Concello e contra o alcalde, que está en trámite polo Xulgado do Social 1 de Ourense.

O rexedor abrira expediente de cesamento contra o interventor por "discrepancias", así como por "obstrución", segundo anunciou el mesmo nunha sesión plenaria ese mes. A ese expediente presentou alegacións o funcionario solicitando que finalizase "o acoso" cara á súa persoa. Argumentaba que o alcalde trataba de afastalo das súas funcións e que en varios plenos chegou a acusalo de "neglixente".

Comentarios