O alcalde de Oleiros, a un edil socialista que aludiu á súa muller: "Cago na nai que te pariu, fillo de puta"

Para a formación que dirixe García Seoane, o PSOE mantivo unha "actitude groseira", debido a que "desde o principio do mandato" basean a súa participación "nas agresións persoais". Así, salientan que "a calumnia sobre as propiedades da muller de Ángel García Seonae superou todos os límites" e sinalan que xa noutro momento recorreron aos tribunais con ese tema e tanto o alcalde como a súa familia foron absoltos.

Ángel García Seoane 'Gelo', alcalde de Oleiros. (Foto: Europa Press)
photo_camera Ángel García Seoane 'Gelo', alcalde de Oleiros. (Foto: Europa Press)

Unha nova polémica envolve o alcalde de Oleiros (comarca da Coruña), Ángel García Seoane Gelo, de Alternativa dos Veciños. Após asegurar a pasada segunda feira nunha entrevista na Cadena COPE que nalgúns pisos turísticos están a producirse comportamentos incívicos como "orxías", "venda de drogas" ou "xente que sae espida fóra do edificio", na terza feira volveu protagonizar os titulares da prensa galega por mor dun incidente no pleno municipal cun edil socialista.

"Me cago na nai que te pariu, fillo de puta; porco, que es un porco", espetoulle ao concelleiro Jesús Fernández. Os feitos ocorreron durante a presentación dunha moción do PSdeG-PSOE para a xestión de terreos públicos en Oleiros. Na mesma, Fernández aludiu ás poxas de parcelas públicas que fixera a esposa do rexedor. "O que non pasa noutros concellos, en ningún concello socialista, é que a muller do alcalde compre parcelas municipais", reprochou.

Nese momento, García Seoane dirixiuse ao edil entre insultos. "Me cago na nai que te pariu, fillo de puta, fillo de puta. Porco, que es un porco", dixo. A continuación, fixo referencia ao historial político de Fernández: "A este elemento botárono da Coruña pola especulación que fixo", afirmou, "dándolle obras a empresas ilegais, que non tiñan dereito a coller as obras".

"Impresentábel, porco. Porco miserábel", engadiu o alcalde, entre berros dalgúns membros da corporación municipal. "Manda carallo, o que hai que soportar, a estes ególatras de merda, vaia sinvergüencería [sic]", concluíu, en alusión aos edís socialistas no Concello de Oleiros.

Resposta de Alternativa

"A provocación constante dos concelleiros do PSOE ao alcalde deu como resultado un altercado verbal no pleno de xaneiro", responderon desde a súa formación. Tras mencionar á esposa do rexedor, Seoane contestou cunhas palabras que Alternativa dos Veciños di que foron unha reacción "apaixonada e contundente, ao sentirse vítima dun acoso que só trataba de menoscabar a honra do presidente da corporación".

Para a formación que dirixe García Seoane, o PSOE mantivo unha "actitude groseira", debido a que "desde o principio do mandato" basean a súa participación "nas agresións persoais". Así, salientan que "a calumnia sobre as propiedades da muller de Ángel García Seonae superou todos os límites" e sinalan que xa noutro momento recorreron aos tribunais con ese tema e tanto o alcalde como a súa familia foron absoltos.

"Este tipo de persoas, mal chamados socialistas, sobran na política", dixo o rexedor, quen apuntou que "o odio" cara a el é tal no pleno que no pleno levaron unha proposta para mellorar o consultorio de Mera, no que traballa o portavoz do PSOE e, "para asombro de todos, non apoiou esa proposta" e mesmo "defendeu á Xunta".

"Estes concelleiros levan dous días en Oleiros e eu levo 44 anos gobernando, todo o mundo me coñece. Alternativa revalida elección tras elección con maiorías, non poden enganar a ninguén, porque o nivel cultural é bastante alto e todos saben quen é quen", manifestou o rexedor en declaracións remitidas nun comunicado.

Comentarios