Lores anuncia que irá a unha moción de confianza se o 23D é rexeitado o seu orzamento

O alcalde de Pontevedra retirou da orde do día o "orzamento da oposición" e anunciou un pleno para o 23D que podería levar, unha semana despois, a unha moción de confianza. Esta sexta feira, irá ao Pleno o orzamento tal e como foi elaborado polo goberno local. Se a oposición teima en rexeitalo, Lores recorrerá a unha cuestión de confianza. Obriga así a oposición a apresentar un candidato alternativo. Se non o fai, o orzamento será aprobado de forma automática.

Lores Imaxe Pontevedra Viva
photo_camera Lores [Foto: PontevedraViva]

O Goberno do BNG de Pontevedra non opta por prorrogar as contas de 2016 -entre outras cousas porque iso suporía a perda para a cidade de por volta de 2 millóns de euros- e procura unha saída á situación a través dunha moción de confianza.

Este mecanismo, ligado á aprobación dos orzamentos, instruméntase cando as contas que apresenta un goberno municipal son rexeitadas polo Pleno ou, como ocorre neste caso, cando son emendadas por pactos da oposición até as tornaren como irrecoñecíbeis. 

"Este alcalde non vai gobernar cun orzamento perpetrado pola oposición. Iso non está na lei. O que vostés piden non o piden nen o executan en ningún sitio", dixo Lores no Pleno. O que si está na lei, explicitou, é que "cando non se aproban os orzamentos, o goberno ten direito a que se aproben por medio da moción de confianza".

O alcalde nacionalista de Pontevedra voltou a instar a oposición a "apresentar unha moción de censura cando queiran". "Vostés teñen 13 concelleiras e concelleiros. Nós temos 12", recalcou.

O "orzamento da oposición" é o produto dunha pinza entre PSOE e a Marea de Pontevedra coas forzas da dereita PP e Ciudadanos.

O BNG considérao un ataque a un modelo de cidade que conta con apoio social maioritario desde 1999 e recoñecimento internacional expresado en múltiples premios, o último deles obtido en China.

Un orzamento da oposición "ilegal"

Na súa intervención perante o Pleno, Lores explicou que sobre a mesa existían dous orzamentos, o do goberno local "que conta con todos os informes favorábeis en tempo e forma" e o da "oposición", "alternativo, pactado polos grupos da oposición, vía emendas cruzadas" e que cualificou de "manifestamente ilegal". O alcalde alegou que "o informe da Intervención, o único preceptivo" indicaría a ilegalidade das contas tal e como foron pactadas pola oposición e que nesa mesma dirección terían apontado tamén "os sucesivos informes da Tesourería e o informe conxunto da asesoría xurídica e a Secretaría Xeral no Pleno".

Conscientes das debilidades xurídicas das súas emendas, a sexta feira pasada a oposición apresentou escritos de subsanación no rexisto do concello, o que Lores cualificou de "emendas ás emendas". Mais os informes de Intervención, enfatizou o alcalde, manifestaron que tampouco as novas propostas de alteración dos orzamentos se atiñan á legalidade. 

"Hai emendas ás emendas e mesmo emendas ás emendas ás emendas que se apresentaron este venres e que continúan a facer que o orzamento sexa ilegal", salientou Lores.

Retirada da orde do día

Ante as "flagrantes ilegalidades", o titular do goberno local decidiu, en uso das súas atribucións, retirar do ponto do día do Pleno a votación sobre as contas tal e como foron aprobadas pola oposición na Comisión de Economía do Concello.

O debate coa Marea

Por parte da oposición, foi Luís Rei da Marea quen puxo máis énfase no imperativo de que no pleno do 23D se inclúa na orde do día a votación do orzamento tal e como ficou após a súa pasaxe pola Comisión de Economía. A cabeza visíbel da confluencia en Pontevedra cualificou de "atropelo" que no próximo Pleno "se omitan as votacións que manifestarían a vontade dos grupos a respeito de en que se inviste os cartos deste concello durante 2017".

Rei, portanto, asumía a defensa de contas pactadas polo seu grupo con PP, PSOE e Ciudadanos. Os outros portavoces formularon máis ben cuestións de orde, entre outras a plantexada polo voceiro do PP en relación á motivación xurídica de Intervención contraria a considerar legais as emendas formuladas a sexta feira pola oposición ás súas propias emendas.

Por que non se submeterá a votación o ditame da Comisión de Economía tal e como reclamaba Luís Rei? "Non se vai votar porque é manifestamente ilegal", espetoulle Lores. "Mentres eu sexa alcalde non se aprobarán uns orzamentos que destrozan o que levamos facendo durante moitos anos. Iso é perversión", enfatizou.

O contido do Pleno do 23D

Lores anunciou a convocatoria dun pleno para o 23D en que submeterá a debate e votación o orzamento orixinario, tal e como foi redactado polo goberno, antes de ser alterado pola oposición. Caso de PP, PSOE, Marea e Cs manter o seu rexeitamento conxunto ás contas do BNG, o alcalde convocaría un novo pleno, presumibelmente no prazo dunha semana, para nese momento formular a moción de confianza.

NOTA DE SERMOS: Na redacción inicial desta noticia incorremos no erro de colocar a moción de confianza no pleno do 23D. Non é así, ese día só irá a debate o proxecto de orzamentos. A moción sería debatida nun Pleno posterior caso do proxecto ser rexeitado.

Comentarios