A Lei de Vivenda sairá adiante no pleno do Parlamento sen o visto e prace de BNG nin PSOE

Entre as bondades do texto, o PP destaca unha emenda do seu propio grupo para a dación en pagamento só unhas horas despois de tombar unha proposición do BNG co mesmo obxectivo e que aspiraba a ser debatida no Congreso
photo_camera Imaxe: ODS-Coia

O proxecto de lei de vivenda será sometido a aprobación no pleno do Parlamento despois de ser aprobado en comisión cos únicos votos a favor do PP. Mentres a nacionalista Isabel Sánchez criticou o texto por ficar "excesivamente sesgado cara os intereses dos promotores", alén de reducir as sancións por infraccións en materia de vivenda e supor "un forte recorte de reserva de solo"; desde a portavocía do PSOE, Luis Toxo indicou que o seu grupo levará ao pleno emendas para mellorar un dictame que tildou de "mediocre", ao primar o libre mercado e reducir a vivenda protexida.

O PP, facendo ouvidos xordos das achegas da oposición, seguiu adiante co trámite cara a aprobación dunha norma que o deputado Jaime Castiñeiras vendeu como "pensada para as persoas". Así, destacou a emenda do seu propio grupo parlamentar para conseguir a dación en pagamento das execucións hipotecarias só unhas horas despois de valérense da maioría absoluta no Parlamento para botar abaixo unha proposición non de lei do BNG, apoiada polo PSOE, que camiñaba nesta liña e aspiraba a ser debatida no Congreso español fronte ao código de boas prácticas para a dación en pagamento aprobado polo Goberno de Mariano Rajoy, cuxa aplicación real fica suxeita á arbitrariedade das entidades bancarias.

Comentarios