PARLAMENTO

A Lei de Vivenda ''favorece as promotoras'', esquece os desafiuzamentos e reduce a reserva obrigatoria de pisos protexidos

O Parlamento debate o proxecto achegado pola Xunta, que chega co único apoio do PP. O BNG pide a devolución do texto por ser ''desnecesario e nesgado'' en relación coa norma aínda vixente, aprobada polo bipartito en 2008
photo_camera Imaxe dunha acción da plataforma Stop Desafiuzamentos Compostela

O Pleno do Parlamento galego debate esta terza feira o proxecto de Lei de Vivenda, que chegou á Cámara co único apoio do PP. A norma, que presentou o titular de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, vén substituír a aprobada en 2008 polo goberno bipartito. Desde o BNG, Isabel Sánchez defendeu a devolución deste texto por consideralo "desnecesario e nesgado", priorizando "os intereses das empresas promotoras" por riba do dereito constitucional a unha vivenda digna.

O proxecto da Xunta reduce até un 50% as sancións ás promotoras nos supostos de incumprimento da lei 

Así, o proxecto que aprobou o Consello da Xunta o 19 de abril reduce á metade as sancións ás promotoras nos supostos de incumprimento da lei, baixo o argumento de que é "máis axustado" á normativa sobre esta materia que está vixente noutras comunidades. Nas táboas, o máximo das multas leves pasa de 6.000 a 3.000 euros; as graves, de 60.000 a 30.000; e as moi graves baixan do millón a 600.000 euros. O mínimo mantense para as sancións leves, e redúcese de 6.000 a 3.000 euros nas graves e de 60.000 a 30.000 nas consideradas moi graves.

Seguindo coa análise da norma, a deputada nacionalista criticou especialmente durante o debate que "nun momento de crise como o actual" a nova lei non aborde "en ningún punto" os desafiuzamentos nin a promoción do aluguer entre as persoas con menos renda e entre a mocidade. Por iso, a xuízo de Sánchez, a proposta da Xunta é "un documento inútil para resolver os verdadeiros problemas da vivenda en Galiza". 

Isabel Sánchez: "A nova lei é un documento inútil para resolver os verdadeiros problemas da vivenda en Galiza" 

O BNG entende que a "preocupación real" do Goberno galego á hora de achegar esta proposta é "dar saída á estocaxe de vivendas baleiras de promotores e bancos", mais sen abaratar os prezos e sen promocionar o aluguer. Nesta liña, e cuestionando desde a propia letra da lei o compromiso anunciado pola Xunta de favorecer a vivenda protexida, o proxecto debatido no Parlamento prevé unha redución da reserva de solo para este tipo de construcións, baixando do 40% que previu o bipartito para os concellos de máis de 20.000 habitantes até o 30% que fixa agora esta norma. "E unha vez aplicadas as excepcións pode reducirse aínda máis, por baixo do 10%, nos concellos de máis de 5.000 habitantes", tal e como fixo constar a deputada Isabel Sánchez.

Proponse unha redución do 40% ao 30% da reserva de solo destinado a vivenda protexida, e a porcentaxe pode ser menor aínda ao aplicar excepcións

Botando man do texto, na disposición adicional sétima sinálase que os municipios poderán saír dese 30% para "adecuarse á demanda potencial" valéndose do Rexistro de Demandantes da Xunta. Trátase de multiplicar por 10 o número de persoas inscritas e dividilo entre o total de habitantes do concello. Falando en termos porcentuais, o mínimo obrigatorio nos 22 concellos de máis de 20.000 veciñ@s será un 64% máis baixo que coa lei actualmente vixente. Tal e como denuncian desde o BNG, o único concello que se achegaría ao 30% de reserva de solo para vivenda protexida é Vigo. En Compostela baixaría até o 18,37% e na Coruña até o 15,91%. Do resto da Galiza, unicamente Lugo e Ames superarían a barreira do 10% de pisos a prezo taxado sobre o total de inmóbeis.

"Se se reduce a reserva de solo, dificilmente se pode ampliar a oferta", ironizou Sánchez, quen alertou de que, para alén da cantidade, "a nova lei tamén rebaixa a calidade", xa que a superficie máxima baixa dos 140 metros cadrados aos 120 e elimínase a exixencia dunha superficie mínima, fixada até o de agora en 40 metros cadrados.

Na súa intervención, a nacionalista advertiu tamén de que este proxecto de lei vai contribuír "aínda máis ao deterioro nas políticas de vivenda", cunha rebaixa acumulada no orzamento de 283 millóns de euros, "60 millóns inexecutados só no último exercicio" e "parálise" dos programas de vivenda e rehabilitación, mentres se aproban "importantes" rebaixas fiscais para a compra de segunda ou terceira vivenda "sen importar o nível de renda".

Comentarios