60% dos concellos están sen pediatra mais Rueda sitúa Galiza como referencia

Sanidade incorpora a vacina fronte ao virus sincitial.
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. (Foto: Xoán Crespo / Xunta)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda (Foto: Xoán Crespo / Xunta).

O presidente galego, Alfonso Rueda, falou onte da Galiza como "líder a nivel mundial" en vacinación infantil. "Non xa no Estado ou Europa", dixo o mandatario galego na súa comparecencia após a reunión do Consello da Xunta da Galiza, senón "líderes" a nivel "mundial", manifestou ao dar a coñecer que a Galiza vai incorporar ao seu sistema a vacina para inmunizar a poboación infantil fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS). 

A Galiza converterase en "pioneira mundial", insistiu o presidente, nunhas declaracións que realizou apenas 24 horas despois de se coñecer que 11.000 nenas e nenos carecen de pediatra asignado debido a que "case 18% das prazas" do Servizo Galego de Saúde (Sergas) están vacantes ou son cubertas por médicos de familia puericultores, segundo denunciou o sindicato médico O'Mega.

O sincitial infecta 90% de crianzas menores de dous anos. É o virus que está detrás das bronquiolite e numerosas pneumonías. De feito, nos últimos meses causou o ingreso hospitalario de máis de un milleiro de bebés, cunha estancia media de seis días. 

Rueda gabouse de que a vacina contra ese virus pase a integrar o calendario vacinal para crianzas. Mais na Galiza hai perto de 200 concellos galegos que non contan con pediatras. 

Ademais, os servizos de Pediatría na Atención Primaria teñen empeorado de maneira importante nestes anos. Se á volta de 2004 a Galiza contaba con 405 pediatras, en 2022 a súa cifra situábase en 318, perdéndose nese período 87 especialistas.

Reformular a "filosofía" da Política Agraría Común

Na súa comparecencia ante a prensa para dar conta dos temas acordados na xuntanza semanal do Goberno galego, o presidente informou da convocatoria dunha nova edición da PAC (Política Agraria Común). Dotada con 217 millóns de euros, Alfonso Rueda prevé que chegue a 25.000 agricultores e gandeiros. 

Esta edición vén da man cunha "reformulación" da "filosofía" da PAC, anunciou o titular da Xunta. Agora, o criterio non será o de se centrar "tanto en requisitos concretos" como en "alcanzar obxectivos". 

Ademais, engadiu, introduciranse cláusulas para favorecer a agricultura ecolóxica (nove millóns de euros en axudas) ou garantir a contratación de mocidade e mulleres.

"Fermosismo"

O presidente tamén anunciou  unha liña de axudas por 6,5 millóns de euros destinadas a "embelecer" o litoral galego". "Queremos impulsar o fermosismo na nosa costa", dixo, para remarcar a importancia destas apostas á hora de "traer turistas" á Galiza.

Rueda tamén informou sobre o balanzo do funcionamento en 2022 da Axencia Tributaria Galega, que atendeu 260.000 contribuíntes e cuxas inspeccións, dixo, "permitiron facer aflorar 97 millóns de euros" que non se pagaran. A convocatoria para que 8.000 profesionais estatutarios temporais do Sergas poidan acceder ao grao 1 da carreira profesional foi outro dos anuncios de onte. Este persoal recibirá de media un aumento de 6% no seu salario.

CRTVG

A preguntas dos medios sobre as novas convocatorias de folga na CRTVG e as denuncias por "represalias" no traslado de persoal, o presidente limitouse a sinalar que os paros non eran secundados por "todos".

Comentarios