Afonso V e Elvira Mendes. Un tempo novo para o Reino da Galiza

Afonso V subiu ao trono galego con tan só cinco anos, como consecuencia da morte do seu pai. Educado na Galiza por Mendo Gonzales, mordomo e persoa de máxima confianza de Vermudo, deu continuidade á política paterna, exercendo durante os seus 24 anos de mandato como un instrumento do partido galego. Neste sentido, asentou a hexemonía da Galiza nuclear no reino cristián peninsular, combateu as aspiracións da nobreza castelá e aproveitou a nova situación xeopolítica para reforzar a monarquía no ámbito externo e interno. A este respecto, destacou polas súas propostas reformadoras na esfera administrativa, impulsando un novo corpo lexislativo, Decreta do rei Afonso e da raíña Elvira, popularmente denominado Foro de León, considerado como un texto pioneiro no espazo europeo.
Afonso e Elvira nunha imaxe do 'Corpus pelagianum'. (Foto: Biblioteca Nacional de España)
photo_camera Afonso e Elvira nunha imaxe do 'Corpus pelagianum'. (Foto: Biblioteca Nacional de España)
A morte de Vermudo II colleu Afonso V (994-1028) na Galiza, onde foi educado polo conde Mendo Gonzales. Gonzales (940-1008) era fillo de Gonzalo Mendes (950-977), líder militar da revolta galega contra Sancho II e Ramiro III, peza chave na coroación de Vermudo II e persoa central no século X até a súa morte en Compostela en 977 loitando contra Almanzor. Os seus avós paternos foron Hermenexildo Gonzales e Mumadona Dias, “irmá de leite de Ramiro II” e aia de Ordoño II, facendo parte un e outro do núcleo familiar dos Goterres, sendo os dous netos do conde Ero Fernández, pai de Aldara Eiriz, nai de San Rosendo.

Mendo Gonzales foi a persoa chave no Goberno de Vermudo II. Alférez maior e mordomo deste monarca, curmán da súa esposa, a raíña Velasquita, estivo presente nas decisións máis importantes do reinado. Así, en relación coa importancia da liñaxe dos Mendes, o historiador Alfonso Ceballos Escalera referiuse a que “os familiares da célebre condesa galega Mumadona Dias, sempre fiel á liñaxe de Ramiro II, quen para provocar unha profunda renovación da monarquía, rescataron da escuridade a este príncipe [Vermudo] ignorado e consagrárono e coroárono solemnemente”.

Os meses posteriores ao falecemento de Vermudo II foron testemuños dunha loita descarnada entre o partido galego e o partido castelán polo control da situación. O primeiro, encabezado por Mendo Gonzales, tiña do seu lado toda a nobreza da área galego portuguesa, situada en postos chaves polo rei defunto. A segunda, liderada polo conde de Castela, García Fernández, tío de Afonso, apostaba por unha rexencia da súa irma, a raíña Elvira García. Malia que esta acadou a referida responsabilidade até 1003, o control efectivo caeu en mans de Mendo Gonzales.

Mendo Gonzales, primeiro como aio, posteriormente como titor e, por último, como mordomo real de Afonso V, dirixiu os destinos do reino até a súa morte. Precisamente, as causas do falecemento do nobre galego da casa dos Goterres seguen sendo hoxe obxecto de debate historiográfico. Así as cousas, unha parte dos autores sinalan que Gonzales morreu loitando contra os viquingos e outros, como o portugués Jose Mattoso, consideran que foi asasinado por membros do partido castelán. Sexa como for, a súa morte non implicou un cambio da política real.

Afonso V continuou reforzando a súa relación coa nobreza da Galiza nuclear mediante o seu matrimonio con outra persoa da familia dos Goterres, Elvira Mendes (966-1022). Neste sentido, seguiu a política de todos os monarcas do partido galego no século X, emparentando con mulleres do clan máis poderoso do espazo político do reino cristián peninsular. Precisamente, esta xinea caracterizouse durante practicamente dous séculos por defender sen concesións a hexemonía da clase dirixente da área galego portuguesa, desde o seu centro nas terras de Celanova e mediante as súas posesións ao longo de todo o reino.

Elvira Mendes

Elvira Mendes era filla de Mendo Gonzales e de Tutadona Monis de Coimbra. Esta última naceu do matrimonio entre Nuno Froilaz de Coimbra e de Elvira Pais do Deza, amante e, segundo algúns autores, como Pérez de Urbel, esposa de Ordoño III. Asemade, os avós de Elvira Mendes foron Froila Goterres de Coimbra, Sarracina, Paio Gonzales, conde do Deza e irmán da raíña Aragonta, e Ermensinda Goterres. Neste sentido, tal e como escribe Francisco Rodríguez no primeiro volume de Unha etapa estalar e conflitiva de Galiza, estase ante “reis de familias nobiliarias galegas, co centro do seu poder relixioso e militar na Galiza nuclear”.

Afonso e Elvira nunha miniatura do 'Libro dos testamentos' de Oviedo.
Afonso e Elvira nunha miniatura do 'Libro dos testamentos' de Oviedo.

O profesor da Universidade da Coruña Alexandre Peres Vigo considera “lóxico imaxinar” que a relación de Afonso con Elvira “viña de lonxe” e o seu enlace matrimonial “resultaba natural”. “Por unha parte, a súa unión aseguraba o apoio político e bélico da nobreza galega á monarquía nun momento de gran fraxilidade para esta; por outra parte, Elvira e a súa saga familiar alcanzaban unha influencia a todas luces incontestábel”.

Peres Vigo significa que “o reinado de Elvira pode considerarse un raio de luz entre moitas sombras” e destaca que “representou un momento de reconstrución e reorganización do reino”. Nesta liña, valora que “Elvira e Afonso V levaron a cabo unha política de reafirmación do poder rexio, especialmente fronte o conflitivo condado de Castela, á vez que comezaron a estabelecer un código lexislativo para o reino, dentro dun programa de profundas mudanzas administrativas”.

Afonso V herdou un reino nunha situación explosiva. A un tempo, debeu enfrontar unha conflitiva realidade interna derivada da sostida tentativa da nobreza castelá de arrebatar a hexemonía á clase dirixente galega e unha complexa xeopolítica europea e peninsular que actuaba como un factor de inestabilidade permanente. Malia que debeu dar resposta ás operacións de saqueo promovidas polas vagas viquingas, a principal fronte exterior procedeu do califato español. Porén, viuse beneficiado polas tensións internas e posterior implosión do espazo musulmán peninsular, após a grande etapa de esplendor liderada no plano militar por Almanzor.

O monarca galego enfrontou as rebeldías do partido castelán. Máis unha vez, o cabeza da familia dos Banu Gómez, conde Saldaña, Carrión e Liébana, García Gómez, un dos apoios máis firmes de Ramiro III e inimigo máis declarado de Vermudo II, alzouse contra Afonso V coa axuda de tropas musulmás procedentes de España. Neste sentido, significáronse polo seu alcance as revoltas de 1005 e 1009, onde contaron coa colaboración de Aderraman Sanchuelo, fillo de Almanzor, neto do rei navarro Sancho Garcés e bisneto do conde de Castela, Fernán González. A resposta contundente de Afonso V, que os privou de propiedades e títulos, evidenciou a fortaleza do novo reinado.

A comezos de 1012, un outro membro dos Banu Gómez, neste caso o conde de Astorga, Munio Fernández, ergueuse contra Afonso V. Fernández, descendente de Fernando Díaz de Saldaña e de Mansuara Fafilaz e dono de importantes posesións na ribeira do Esla, co apoio do partido castelán tentou apartar Mendo Gonzales dos postos de responsabilidade na corte co obxectivo de reducir o poder do partido galego. Un ano máis tarde, a mediados de 1013 a revolta foi derrotada, sendo repartidas parte das súas terras entre os nobres que apoiaron o monarca.

As rebelións castelás

O historiador leonés Ricardo Chao sinala que “outro pesadelo para o mozo Afonso V foron as revoltas nobiliarias. Era xa costume nalgunhas liñaxes. García Gómez, conde de Carrión e Saldaña, aliado dos sarracenos, seguiu participando en rebelión até a súa morte en 1017. Tamén o conde Munio Fernández [membro da familia dos Banu Gómez] foi declarado rebelde. Outros nobres casteláns acompañaban -por interese ou medo a súa actitude-”. Neste proceso, os Banu Gómez contaron coa colaboración da casa real navarra, porén en todo ese proceso exerceron de actores secundarios.

O conde de Castela, Sancho García, liderou, neste período, a oposición contra o partido galego. Irmán da raíña rexenta Elvira García e tío do Afonso V, unha vez que testou a imposibilidade de mudar a orientación da política do seu sobriño, levantouse en 1014 arrastrando detrás de si toda a nobreza castelá e unha parte da leonesa, que partillaba as posicións da primeira. Nesta revolta, Castela botou man, outra vez, dos musulmáns españois, mais a reacción galega permitiu unha pronta derrota e a adopción de medidas de castigo contra os impulsores do alzamento. A propia nai do monarca, Elvira, resultou expulsada da corte e Sancho García pasou a ser definido polo sobriño como o “infielísimo e adversario noso que día e noite perpetraba o mal contra nós”.

Afonso e Elvira amosaron unha gran determinación para combater e vencer estas revoltas. A súa resposta combinou a eficacia no campo de batalla coa aplicación de toda unha serie de medidas administrativas que remataron por debilitar os principais dirixentes do partido castelán. Neste sentido, Ricardo Chao afirma que “o rei promoveu novas liñaxes para novos condados, como Órbigo, Babia, Luna ou Cuereño” e destaca que “a monarquía íase facendo co control efectivo e sometendo a nobreza ao seu dominio”.

O éxito dos monarcas na súa loita contra a nobreza castelá foi recoñecida nas propias fontes árabes. A este respecto, o historiador Ibn Jaldún (Túnez, 1332 - O Cairo, 1406), recollendo vellos documentos custodiados en Córdoba, escribiu que “Afonso V tratou de reducir a obediencia dos condes que, desde o tempo dos seus pais, ou incluso antes subtraéranse a autoridade real”. Na mesma liña, significou que “Afonso tivo éxito no seu proxecto e cambiou os condes por persoas devotas, coa sorte de que desde ese momento non se ouviu falar máis dos Banu Gómez ou dos Banu Fernández”.

A acción gobernamental de Afonso e Elvira

A obra política de Afonso V e Elvira Mendes chegou para quedar. A súa categoría como estadistas deixou pegada na política exterior, na xestión executiva, na organización administrativa e na acción lexislativa. Neste sentido, ficaron para a historia como impulsores do Decreta do rei Afonso e da raíña Elvira, popularmente denominado Foro de León, un texto pioneiro no ámbito do dereito europeo e cuxa vixencia se estendeu durante máis de dous séculos. Tanto é así que aínda nas Actas das Cortes de Valladolid de 1351 se recollía que “o Reino da Galiza é poboado a Foro de León”.

A transcendencia deste corpo normativo foi destacada por todos os historiadores do dereito. Neste sentido, Alfonso García-Gallo documentou até cinco refundicións deste foro entre os séculos XI e XIII, significando Alfonso Otero a importancia das medidas recollidas no texto no espazo galego, considerándoo como “a primeira representación dos dereitos fundamentais do cidadán no ámbito europeo”.

Treito das antigas murallas de Viseu, desde onde foi asasinado Afonso V.
Treito das antigas murallas de Viseu, desde onde foi asasinado Afonso V.

O Decreta do rei Afonso e da raíña Elvira foi promulgado o 30 de xullo de 1017 após un concilio reunido na catedral de León baixo a presidencia dos monarcas. A maiores dunha serie de normas específicas destinadas a regular a conivencia na cidade de León, recóllense 20 artigos de aplicación para o conxunto do reino galego. Así, entres estes, destacan as medidas que regulara as relacións do rei co pobo, estabelecéndose un sistema de protección para persoas e bens e delegando as garantías do seu cumprimento da administración de xustiza.

O Foro de León dá forma legal a determinadas institucións que facían parte do dereito consuetudinario galego, singularizando o país en relación con outras áreas da península e Europa. Así, fíxase o dereito das mulleres a herdar e posuír bens, determinando unha serie de disposicións dirixidas a protexer o dereito á propiedade das mulleres. Asemade, estabelécense os principios dunha política fiscal e retállanse os poderes da nobreza, estamento prexudicado neste corpo normativo en comparación coa Igrexa.

Afonso destacou polas súas habilidades no campo da diplomacia. Favorecido pola morte de Almanzor e a crise do califato español, que rematou por implosionar no marco de sucesivas liortas internas, a monarquía galega aproveitou o contexto para estabelecer un novo marco de relacións co mundo musulmán e recuperar os territorios perdidos por Galiza nas décadas anteriores. Precisamente, no verán de 1028, cando cercaba coas súas tropas Viseu, a cidade desde onde gobernou o condado portugués Ramiro II, foi alcanzado por un disparo de bésta.

O xenio militar do monarca ficou testado en diferentes campos de batalla. Neste sentido, a partir de 1008, enfrontou unha nova onda viquinga que rematou por saquear Braga, a cidade do seu titor Mendo Gonzales. Uns anos máis tarde, outra expedición dos pobos do norte apoderouse de Tui, repetíndose diversos operativos deste tipo ao longo do seu reinado. Neste sentido, en 1024 Afonso V afirmou que “derrotamos moitas veces os nosos inimigos [viquingos] e expulsámolos da nosa terra”.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios