xoves 16/09/21

Unha marcha cívica entrará en Meirás o 19 de xuño para protexer o Pazo "da rapina dos Franco"

A Iniciativa Defende Meirás convoca colectivos de memoria e a sociedade civil galega a unha gran “mobilización festiva” nos xardíns do Pazo

 

meiras iniciativa mobilizacion
Imaxe da xuntanza

A Iniciativa Defende Meirás convoca para o 19 de xuño as entidades de memoria da Galiza e a sociedade galega en xeral a celebrar, nos xardíns do Pazo de Meirás, un “encontro de afirmación como lugar de memoria colectiva do pobo galego”.

Os preparativos para lograr unha ampla mobilización están sendo o obxecto de varias xuntanzas esta semana. Esta quinta feira, Carlos Babío, portavoz de Defende Meirás, Manuel Pazos, directivo da CRMH da Coruña, e Manuel Pérez Lorenzo, en representación da Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), reuníronse en Sada co alcalde, Benito Portela, e coas concelleiras Paola Mondaca e Laura Pena para acordar os detalles dun evento que o Concello de Sada apoia e no que asumirá as necesidades loxísticas da organización.

"O noso desexo é que Meirás empece unha nova vida a partir do 19 de xuño. Diante da irresponsabilidade da Xunta, que intenta pasarlle a pelota ao Estado á hora de protexer todos os bens móbeis do Pazo, a sociedade civil galega volverá responder como xa o fixo cando se tratou de recuperar a propiedade", apuntou Carlos Babío.

 En medio do que considera un "divorcio administrativo e xurídico" que só beneficia os Franco, o portavoz de Defende Meirás espera que o evento sirva para dar unha resposta contundente "á rapina e á impunidade que representan os Franco".

Pola súa banda, Benito Portela reafirmou o apoio "decido e continuado" do Concello de Sada á causa de Meirás, e reclamou "o desbloqueo institucional entre a Xunta e o Estado" para que a protección a todos os bens do Pazo se amplíe de inmediato.

O alcalde de Sada tamén mostrou a súa predisposición a acordar un convenio entre a Administración estatal, a galega e o propio Concello "para a xestión compartida do Pazo".

Na medida que o permitan as normas

O acto comezará ás 12 do mediodía do sábado 19 de xuño. A Iniciativa Defende Meirás enviou esta semana unha proposta detallada á Secretaria de Estado de Memoria Democrática para que o Estado abra Meirás a un evento de carácter reivindicativo e festivo. "Atopamos boa disposición", avanzou Carlos Babío, "xa que a esta altura, e mesmo polas condicións nas que estamos, non tería sentido ningún facer a concentración fóra".

A marcha cívica consistirá nun paseo polos xardíns de Meirás, rodeando as Torres, até chegar á fachada. Tamén se negocia unha actuación musical. Será un acto breve e concorrido na medida que permitan as normas sanitarias.

A IGM, promotora de Defende Meirás, reclamou onte o apoio das asociacións que a compoñen facendo un chamamento a "abarrotar" Meirás o día 19, "para celebrar que por vez primeira o movemento memorialístico cruza os muros que separaron a democracia do franquismo durante máis de catro décadas".

comentarios