Os nove activistas denunciados polos Franco pola protesta da Cornide serán xulgados o 4 de febreiro

O colectivo dos '19 de Meirás' convocou unha concentración pacífica diante do Xulgado para amosar a súa solidariedade con este grupo de persoas.
Unha imaxe da protesta na Casa Cornide. (Foto: BNG)
photo_camera Unha imaxe da protesta na Casa Cornide. (Foto: BNG)

Os nove activistas que accederon ao balcón da Casa Cornide en 2017 para exixir a devolución do inmoble ao pobo serán xulgados o día 4 de febreiro. A vista pola denuncia da familia Franco decorrerá no Xulgado de Instrución número 4 da Coruña a partir das 10.00 horas.

O colectivo dos '19 de Meirás', tamén próximo ao BNG, comunicou aos medios que Armando Carril, Manuel Méndez, Elvira Branco, Carolina Fernández, André López, Salvador González, Óscar Calvo, Dani Carballada e Bieito Lobeira terán esa cita coa Xustiza sendo acusados dun delito leve de coaccións.

A reivindicación que se xulga sucedeu o 26 de setembro de 2017, cando as persoas despregaron unha mensaxe desde a varanda da Casa Cornide, na Cidade Vella coruñesa, para que este patrimonio "espoliado en 1962" polo ditador regrese ao patrimonio público.

"Esta denuncia é o mundo ao revés. Que nove persoas teñamos que sentarnos diante dun xuíz por unha acción simbólica e totalmente pacífica mentres a familia dun ditador que deixou miles de mortos no noso país leva toda a vida campando impunemente e gozando o patrimonio espoliado, di moito de como están as cousas neste Estado", lamentan no escrito.

Aliás, pensan que as acusacións das herdeiras de Franco "carecen de fundamento". Por iso agardan que "a acción sexa considerada como o que foi: un acto pacífico e de expresión democrática ante unha situación inxusta que ademais sabemos que é compartida por todas as persoas demócratas".

De feito, neste momento a mobilización nese mesmo sentido é moito máis ampla e mesmo o Concello da Coruña anunciou hai semanas o inicio de accións legais. Tamén axudou o feito de que o Pazo de Meirás tivera que ser entregado, de momento de xeito cautelar, ao Estado.

Para apoiar ás acusadas convocouse unha concentración o mesmo día 4. Será diante do xulgado a partir das 09.30 horas.

Petición ao Executivo español

Tamén respecto da memoria falou o deputado de Unidas Podemos e portavoz de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, que mantivo un encontro co secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, para tratar cuestións relacionadas coa memoria histórica en Galicia.

Gómez-Reino puxo sobre a mesa a súa preocupación polos usos futuros do Pazo de Meirás após o que considera un "intento" da Xunta de "esconder parte da historia e contala de maneira descafeinada auspiciándose na figura de Pardo Bazán".

Comentarios