Son Pedro Madruga e Cristovo Colón a mesma persoa?

O arcebispado de Compostela vén de autorizar a apertura da tumba de Xoán Mariño de Soutomaior, soterrado na igrexa de Sobrán de Vilagarcía e ligado familiarmente a Pedro Álvarez de Soutomaior. O obxectivo dos investigadores é estabelecer a relación entre este último e Cristovo Colón.

[Imaxe: SG] Cristovo Colón
photo_camera Cristovo Colón. (Foto:Nós Diario).

A tese do Colón galego vén de vello pero a súa filiación con  Pedro Álvarez de Soutomaior, Pedro Madruga, outro grande rebelde contra Castela do século XV galego, arranca de 1977. Naquela altura, o mariño e investigador vigués, Alfonso Philippot Abeledo, formulou a súa tese respecto de que Madruga e Colón eran a mesma persoa.

As investigacións de Philippot, recollidas nunha publicación de máis de 800 páxinas, repara nas coincidencias entre unha e outra persoa, con especial referencia as datas biográficas, ao seu círculo de amizades, a suposta conexión entre a aparición pública de Colón e a desaparición de Madruga e, sobre todo, a máis exhaustiva xenealoxía dun e doutro personaxe.

A teoría de Philippot, que non deixou de gañar adeptos nas últimas décadas, agarda agora polo ADN. A este respecto, os promotores da exhumación de Xoán Mariño de Soutomaior pretenden cruzar os datos xenéticos deste parente de Madruga co ADN de Colón que manexa José Antonio Lorente, profesor da Universidade de Granada, que dirixe un proxecto internacional para determinar a patria do almirante.

Colón antes de Philippot

A formulación rexistra varias fortalezas e debilidades, porén con anterioridade a el, xa se tiñan formulado aspectos esenciais da hipótese do Colón galego. A reivindicación da galeguidade de Colón, iniciada nos anos finais do século XIX polo pontevedrés  Celso García de la Riega, esta ligada ao achádego por parte do investigador e de Casto Sampedro de diferentes documentos  que acreditaban a presenza en Pontevedra dunha xinea Colón e mesmo dun Cristovo ao longo do século XV.

A tese do Colón galego apoiase fundamentalmente en fontes escritas que certifican a presenza do apelido Colón en Pontevedra ao longo do século XV, na tradición oral da comarca, na lingua do mariño, no grande número de topónimos galegos utilizados para renomear os lugares visitados nas primeiras viaxes a América e na relación continuada dos descendentes do navegante con Pontevedra até épocas relativamente recentes.

A tradición oral veu situando  a casa natal de Cristovo Colón no lugar de Porto Santo no concello de Poio, nunha vivenda coñecida como “a casa da tradición” ou “ a casa da crus”, próxima a dúas propiedades ligadas a esta familia como “A Puntada” e “A Horta de andurique”. A primeira é unha finca que pertenceu aos herdeiros directos do mariño, os duques de Veragua”, até 1796, afirmando no seu contrato de venda Mariano Colón de Toledo, duque de Veragua e almirante maior das Indias, que procedía da “herdanza dos seus finados pais”

Colón, un apelido só existente na Galiza

Só na Galiza aparece documentado o apelido Colón, tal e como figura nas Capitulacións de Santa Fe, reais cédulas e demais papeis das empresas das Indias expedidas polos Reis Católicos así como nos escritos da corte portuguesa, na correspondencia mantida cos seus contemporáneos ou nas sinaturas orixinais que se conservan do propio Cristovo Colón

As terras americanas foron renomeadas con topónimos procedentes de diversos puntos da xeografía peninsular, por certo ningún deles procedente de Italia, porén a cantidade de nomes de orixe galego supera de longo ao resto. Así estaríase falando de perto de 150 topónimos fronte aos 6 de procedencia balear, destacando para primeira viaxe, os topónimos en Cuba,  Punta Moa, con nome análogo en Pontevedra, ou Porto Santo, na Illa Fernandina, sen esquecer que o primeiro lugar avistado, a Illa de Guanahani, foi denominado San Salvador, coincidente co nome da súa suposta parroquia natal, San Salvador de Poio.

Colón escribía en galego

Cristovo Colón coñecía e escribía en galego. Esta por determinar se este foi o seu idioma nativo ou aprendido nos anos que residiu en Portugal, tamén dominaba o castelán porén non hai constancia de que coñecese o italiano, usando nos escritos cos cidadáns desas terras o idioma de Castela. Bartolomé de Las Casas reparou na linguaxe do navegante, sinalando que falaba castelán como se fora “un estranxeiro” ao tempo que significaba as dificultades que tiña para expresarse de corrido neste idioma, acontecéndolle outro tanto nos seus escritos neste idioma, a comezar polas cartas que lle remite aos Reis Católicos.

A orixe de Colón continúa a ser un enigma. Se algo fica claro a esta altura é que non hai ningún dato que  permita certificar de xeito concluínte o carácter galego de Cristovo Colón como tampouco existe ningunha información que posibilite  acreditar a súa orixe xenovesa. Neste sentido, é necesario agardar polas investigacións en marcha para ver se botan luz nunha realidade con máis preguntas e sombras que respostas e luz.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios