PERFIL

Pedro Madruga: a loita por una Galiza arredada de Castela

 A investigadora e divulgadora cultural Cilia Torna recupera para Sermos Galiza a figura de Pedro Álvarez de Soutomaior, coñecido como Pedro Madruga, e o seu papel en defensa do achegamento de Galiza con Portugal e contra o asoballamento de Castela. Eis un extracto da información publicada no número 298 de Sermos Galiza.

Castelo de Soutomaior.
Castelo de Soutomaior

4As décadas finais do século XV serán testemuña dos derradeiros capítulos da resistencia galega á incorporación subordinada do país á coroa de Castela. Estamos ao remate dun proceso político iniciado por volta de 1230 coa anexión de Galiza a Castela, na persoa do Fernando III e que terá continuidade ao longo do século XIV, após as sucesivas derrotas do partido galego, encabezado polos Castro e posteriormente por Xoán Andeiro, defensores dunha Galiza dirixente no contexto ibérico, virada de costas a Castela, unida a Portugal e abrazada ás nacións do Atlántico naquela Europa da guerra dos cen anos. Xa corrido o século XV, o fracaso da revolta irmandiña e particularmente a derrota da rebelión galega, na que acadaron o papel de símbolos Pardo de Cela, Pedro Madruga ou o Conde de Lemos, deixa a Galiza fanada, frustrada, inerme ante a expansión de Castela e presa na roda colonial.

Pedro Álvarez de Soutomaior, coñecido popularmente como Pedro Madruga, simboliza a rebeldía máis sostida no tempo e con máis posibilidades de éxito naquel tempo político. Nado dunha relación extra matrimonial entre Constanza de Zúñiga, sobriña da condesa de Santa Marta, e Fernán Eans, señor de Soutomaior, como outros membros segundóns desta familia fixo carreira eclesiástica, ocupándose como cóengo da Catedral de Tui, chegando a suxerir o propio rei Henrique IV en 1467 o seu nomeamento como arcebispo de Compostela en substitución de Alonso de Fonseca. Sinalouse por unha relación contraditoria co movemento irmandiño, pasando dunha inicial tolerancia e mesmo sintonía, como demostra o xuramento do seu irmán e predecesor aos estatutos da Irmandade de Ourense, ao combate máis duro, unha vez que Pedro Madruga retorna do seu refuxio portugués xa convertido en cabeza da casa de Soutomaior, após a disposición testamentaria do seu irmán Alvaro Paes e a validación de Henrique IV en agosto de 1468.

[Podes ler a información íntegra no número 298 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios