'Sermos Galiza' divulgará os protagonistas do Reino da Galiza

O proxecto é premiado pola Deputación da Coruña
Alexandre Peres Vigo, Francisco Rodríguez Sánchez, Carme Varela e Carolina Casal Chico. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Alexandre Peres Vigo, Francisco Rodríguez Sánchez, Carme Varela e Carolina Casal Chico. (Foto: Nós Diario)

Proxectos musicais, audiovisuais, literarios e incluso de moda difundirán a historia do Reino da Galiza. A Deputación da Coruña deu a coñecer os proxectos gañadores dos Premios do II certame "Fondo de proxectos culturais Reino da Galiza 2023". Entre eles Biografías esenciais do Reino da Galiza, unha proposta coa que Sermos Galiza S.A., empresa editora de Nós Diario, busca pór en valor e dar a coñecer as grandes figuras históricas que deixaron pegada nese período

O proxecto de Sermos Galiza inclúe a publicación de tres libros que recollerán a biografía de Fernán Ruíz de Castro, de Pedro Pardo de Cela e das abadesas dos mosteiros galegos que se rebelaron contra a política centralizadora imposta polos Reis Católicos. Estes volumes repartiranse de maneira gratuíta con tres exemplares do Nós Diario correspondentes ao mes de decembro de 2023. 

A autoría de cada un dos volumes que acompañarán este xornal corresponde, respectivamente, ao doutor en Filoloxía Francisco Rodríguez Sánchez, ao profesor da Universidade da Coruña Alexandre Peres Vigo e á filóloga Carme Varela e á doutora en Historia da Arte Carolina Casal Chico.

Da mesma maneira, e pensando no público xuvenil, tres podcasts cos mesmos contidos que as publicacións impresas divulgarán estas biografías na edición dixital do xornal, nas súas redes sociais e noutras plataformas de audio. 

Así, Biografías esenciais do Reino da Galiza ten como obxectivo, buscando sempre "calidade e rigor", investigar a biografía de personaxes esenciais para a historia do Reino da Galiza, divulgar a súa traxectoria vital e a súa significación política. En definitiva, "socializar a memoria dun tempo imprescindíbel para explicar a Galiza de hoxe". 

20 premiados

En total, son 20 os proxectos de investigación e divulgación que premia a Deputación con arredor de 10.000 euros a cada un. Entre eles, Dicionario da Galicia Histórica: un reino do A ao Z, de Ciencia Galega Industrias Creativas; Cronoaventuras: O Reino de Galicia, de Aqueladas Sociedade Cooperativa Xuvenil; María Balteira. Curtametraxe didáctica, de Sétima Sociedade Cooperativa Galega; Suevos e Galaicos. As orixes do Reino de Galicia, de Noso Plans e Proxectos Sociedade Cooperativa Galega; O legado do Reino de Galicia-Escape room, de Artefeito Producións sociedade Cooperativa Galega; O segredo do Betanzos Medieval: Unha ruta histórica para descubrir unha das sete capitais do Reino de Galicia, de Marma Sociedade Cooperativa Galega; Guía Visual do Reino Medieval de Galiza, de Trespés Producións Culturais, e tamén o proxecto da Fundación Catedral de Santiago de Compostela, titulado O Panteón Real de Compostela: A alianza do Regnum e o Sacerdotium para a configuración dun Templo Nacional

A entidade provincial tamén seleccionou proxectos individuais: Conexión co Reino, de Cristela Torres Nine; Discordia & Reconciliatione: Unha escolma da "Historia Compostellana", de José García Sendón; Cantigas e Murais para o coñecemento do Reino Medieval de Galicia, de Juan Alfonso Curiel; Pío Latrocinio, de Fernando Cortizo; Unha Tiktoker no Reino da Galiza, de Sara Seco; O rei Afonso VIII da Galiza na Costa da Morte, de Bernardino Martínez, ou O Reino de Galiza na moda. Deseños para conectar o pasado co presente, de Daniel Portela Macua.

Tamén foron premiados Daniel Seoane, Estíbaliz Espinosa, Iván Davila e Aldán López. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios