Héitor Picallo: "O Reino da Galiza debeu contar cun patrimonio civil moi amplo"

'Nós Diario' achega a partir da próxima terza feira, 3 de xaneiro, un novo coleccionábel de 17 entregas titulado 'Fortalezas esquecidas do Reino da Galiza. Un percorrido arquitectónico e histórico polo patrimonio civil medieval'. Conversamos co seu autor, Héitor Picallo, sobre as urbes amullaradas, fortalezas, torres e castelos do país, moitos deles desaparecidos.
Héitor Picallo (Foto: Arxina).
photo_camera Héitor Picallo (Foto: Arxina).

En xaneiro comeza un novo coleccionábel sobre "fortalezas esquecidas do Reino da Galiza", mais unha fortaleza é un castelo ou exactamente que elementos acolle esta palabra?

É unha cuestión non moi sinxela de responder, pois se ben o concepto fortaleza asemella que a construción á que se lle aplica tal cualificativo podería resultar menos expugnábel que o castelo (podería contar cun maior número de elementos defensivos), si é certo que este termo se emprega durante a baixa Idade Media de xeito indistinto co de castelo. Algo semellante acontece con moitas casas torre que no medievo tamén se denominaron pazo e que na modernidade absorberon o concepto de fortaleza. 

Serven de exemplo disto último, o pazo estradense de Maíndo (Maindo do paaço) que foi cualificado tamén de fortaleza, ou o pazo de Montival que no século XVIII o definían de xeito análogo. Con respecto á cuestión que me formulas, non é estraño contemplar un castelo da Rocha Forte, na bisbarra de Compostela, que asemade se di fortaleza.

Unha recente información indicaba que na Galiza hai moi poucos castelos ou fortalezas fronte a media da península Ibérica. Parécelle fiábel ese dato?

Pois quizais sexa certo. Así e todo hai que entender que o feito de que non existan moitos castelos na actualidade non quere indicar que non os houbese. O que si resulta fiábel é considerar que, sobre todo, a partir dos séculos XIX e XX moitas vilas amuralladas comezaron a derrubar as súas cercas, fortalezas e castelos que durante o medievo sobreviviron as loitas irmandiñas comezarían a non seren atendidas. 

Debemos ter en conta, asemade, que segundo ás visitacións que durante os séculos XVI e XVII se fixeron a diversos inmobles castrenses propiedade dos arcebispos composteláns existía certo desleixo no que atinxe ás súas restauracións. Formulábanse numerosos pretextos para non investir capitais económicos eclesiásticos para seren logo reerguidos. 

Vese, logo así, que as vellas construcións medievais non estaban feitas para a modernidade. Os “señores da terra”, logo do medievo buscaron o acubillo en mansións urbanas ou remodelaron.

Da lectura das súas entregas pódese deducir unha vigorosa actividade en boa parte das vilas costeiras. Esas murallas terían fins económicos –recadación de tributos– ou defensivos? E poden ter que ver cun desenvolvemento socioeconómico nada despreciábel na baixa Idade Media?

Moitos señores fundaron vilas costeiras, concedéronlles foros e incluso lles outorgaron certas exencións tributarias durante algún tempo –un caso pode ser o de Noia– para poderen alzar os lenzos pétreos das súas urbes ou reconstruílos. 

Raros son os casos nos que antigas cidades ou vilas de determinada importancia non contasen con perímetros amurallados. Estes delimitaban non só os núcleos urbanos, senón que tamén os protexían de asedios, servían para seren visíbeis dende o horizonte e para que as sentinelas controlasen a contorna próxima. Amais disto, adaptándose á orografía de cada lugar, facilitaban a distribución urbana de vivendas de artesáns e traballadores, as mansións señoriais, templos relixiosos, hospitais, edificios administrativos etc. Isto, en alto grao, regularizaba amais do desenvolvemento urbano o económico. Pénsese naqueles documentos rexios que prohibían a venda de certos consumíbeis extramuros da vila. 

Se queremos botar man dun exemplo estaría o privilexio que Henrique III estende en 1397 para que non se vendese viño –ás agochadas ou non– na zona da “Pescadaría” da Coruña, debéndose facer no interior do recinto urbano fortificado.

Esta vista atrás do inmenso patrimonio que foi destruído ten comparanza co que se deu por Europa adiante ou non é lóxico que non se lle dera máis valor, mesmo que puidera perder parte da utilidade para o que naceu?

Coido que a Galiza, como reino bastante poboado e con numerosos núcleos de poboación ciscados por todo o rural e as zonas costeiras, debeu contar con un patrimonio civil moi amplo e do que hoxe queda un quiñón bastante reducido. 

Iso non quer indicar que castelos ou casas torre non fosen modificados acorde ás novas necesidades modernas e adaptarse máis ao concepto de pazo, casa grande ou, incluso, palacio. De compararmos Galiza con outros países de Europa deberiámonos servir da prudencia, pois cada territorio ten singularidades propias condicionadas polo desenvolvemento socioeconómico, a historia e a orografía. Así e todo, moitas urbes europeas conservan aínda as súas murallas e fortalezas en moito mellor estado cas  galegas (e penso en Flandres, Holanda, Italia e Hungría). Mais non quero afirmar con isto que non perdesen -obviamente- importantes arquitecturas ou que as modificasen. As guerras tamén teñen moito que ver nisto. 

Alén disto, ben certo é que moitas Administracións de Europa coidan con celo extremo o seu patrimonio, aquí é outro cantar... Cultura, moitas veces, é a irmá menos querida dos entes públicos (xa sabemos ese dito de: “ti vai facendo...”).

Se o estado da lingua está como está, o da arquitectura popular e patrimonio arquitectónico galego non o vexo mellor. Agás cidades como Pontevedra, Lugo e Compostela (esta última moi mellorábel, velaí o turismo masivo e as súas consecuencias bastante funestas), noutros lugares depende da sensibilidade dos seus gobernantes e técnicos (arquitectos incluídos).

Hai algunha conclusión, a día de hoxe, que se poida tirar de estudar e valorizar o patrimonio esquecido de séculos atrás? 

Sobre todo que tivemos un patrimonio impresionante do que hoxe quedan moitas muxicas que dan brillo ao noso país, pero non coa intensidade menor que a de antes. Por iso certos rexedores municipais teñen que comprender que investir en patrimonio é investir en desenvolvemento de calidade, é investir en turismo (sempre que sexa respectuoso) e obviamente nunha das mellores publicidades. Visitamos Cambados por algo e Lugo tamén, imos á Pobra a ver o Museo Valle-Inclán (coa súa arquitectura renacentista, aínda que esta leve anos agardando a ser tratada con respecto, dignidade e decisión).

Alén disto, e dentro do eido da investigación e divulgación histórica, deberíanse transcribir e catalogar moitas máis fontes documentais; localizar, custodiar e dixitalizar os arquivos de moitos pazos e castelos galegos para contarmos non só cunha información máis ampla –e así non formular afirmacións tan apriorísticas- senón tamén para conservamos un acervo cultural que está a punto de desaparecer: a palabra manuscrita das nosas aldeas e dos nosos lugares.

Comentarios