O BNG esixe que a Xunta investigue o roubo de bebés para adopcións ilegais en Lugo

O BNG reclama que a Xunta inicie de inmediato unha investigación arredor das denuncias de roubos de bebés e dados en adopcións irregulares, sen o consentimento das nais, na provincia de Lugo. Piden tamén que remitan ao Parlamento os expedientes das mulleres acollidas no Hogar Madre Encarnación, o centro baixo sospeita de roubo de crianzas. 

Hogar Madre Encarnación en Lugo
photo_camera Hogar Madre Encarnación en Lugo

O caso dos bebés roubados na provincia de Lugo están xa nos xulgados que investigan desde o ano 2011 presuntas irregularidades na tramitación de expedientes de adopcións de bebés, subtraídos ás nais mediante enganos. O BNG reclama unha investigación interna na Xunta arredor das posíbeis irregularidades cometidas en hospitais públicos e casas de acollidas e as presuntas responsabilidades do propio goberno galego, con competencias en materia de adopcións. 

Seguindo as informacións recentes publicadas por El País, a través de testemuñas das propias mulleres, o grupo nacionalista indica a gravidade das denuncias segundo as que “existe a posibilidade de que as mulleres estivesen asinando documentos descoñecendo o contido dos mesmos, incluso sendo enganadas polas propias autoridades sanitarias”. Sobre o centro, xestionado polas "Hermanas Terciarias Religiosas Franciscanas del Rebaño de María" pesan gravísimas denuncias de substración de bebés sen o consentimento das nais e aproveitando o engano, ás veces mesmo aproveitando o descoñecemento da lingua na que se lle apresentaba o documento polo que terían que dar consentimento para a adopción da súa crianza. Contra as monxas sumaríanse varias testemuñas de afectadas, en especial mulleres inmigrantes sen recursos. 

Entidades relixiosas no punto de mira 

O BNG insta desde a iniciativa parlamentar a que se esclarezan calquera tipo de irregularidades tanto do Sergas como da Consellaría de Traballo e Benestar na investigación que se está a desenvolver no marco da coñecida como "Operación Bebé" canto á aplicación de protocolos de adopción e reclámalle ao goberno galego que remita ao Parlamento a información para o coñecemento dos grupos parlamentarios. 

O grupo do BNG diríxese a un dos centros das denuncias, o Hogar Madre Encarnación, e demanda que a Xunta remita ao Parlamento os expedientes das mulleres acollidas nos últimos catro anos, alén de solicitar a comparecencia da persoa responsábel de Benestar para que ofreza a súa versión das denuncias sobre irregularidades nas tramitacións, mesmo as acusacións de engano ás nais por descoñecemento do idioma. 

Finalmente, esixen que a Xunte elabore un informe “especificando con claridade os expedientes de adopción derivados de entidades relixiosas que acollen a mulleres para o parto e posterior adopción dos bebés”.     

Comentarios