Roi Cagiao prepara un filme sobre Ferrol 1972

Con Vigo 1972 (2017), o cineasta Roi Cagiao obtivo un inusual éxito de público para un filme semidocumental en galego. Permaneceu sete semanas consecutivas en carteleira. Agora anuncia que prepara a produción dunha peza, tamén longametraxe, sobre as folgas obreiras de Ferrol aquel mesmo ano, cando o réxime franquista asasinou Amador Rey e Daniel Niebla.
 

Homenaxe monumento 10 de Marzo
photo_camera Homenaxe no monumento aos obreiros asasinados o 10 de Marzo de 1972 en Ferrol.

“É un proxecto a dous anos vista que consideramos pode ser de grande impacto ao se referir a uns feitos emblemáticos dentro do movemento sindical e antifranquista de Galiza”, considera o xerente da produtora Arthur Gordon, Emilio J. Fernández, encargada do proxecto. Orientado á exhibición en cinemas, Cagiao quere, con Vigo 1972, constitúa un “díptico que trate o ano 72 como o cumio das mobilizacións antifranquista no país”.

Para o director, segundo as declaracións que recolle o comunicado remitido aos medios de comunicación pola produtora, o que será un documental sobre o 10 de marzo en Ferrol “non será unha secuela máis ou menos oportunista tras a grande acollida de Vigo 1972; o proxecto foi simultáneo”.

A rodaxe do filme comezará a finais deste ano e aínda non ten título. “Aínda que a data 10 de marzo [Día da Clase Obreira Galega] probablemente forme parte do mesmo”, indican desde a empresa Arthur Gordon.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios