Renden homenaxe ás mártires de Sobredo no 101 aniversario do masacre

Os sucesos de Sobredo convertéronse nun símbolo da dignidade labrega na Galiza

Homenaxe aos mártires de Sobredo, en Tui. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Homenaxe aos mártires de Sobredo, en Tui. (Foto: Nós Diario)

Co gallo do 101 aniversario dos tráxicos sucesos de Sobredo, onde tres campesiños foron vítimas dun tiroteo das forzas da orde contra unha mobilización agraria, o Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo (Ieamso), coa colaboración do Concello de Tui (O Baixo Miño), organizou este domingo unha homenaxe.

Nun acto que decorreu, primeiro, na carballeira de Sobredo, e, finalmente, a carón do monumento en lembranza ao movemento veciñal, interviu a presidenta do IEAMSo, Marga do Val, e mais o decano da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Elías J. Torres Feijó.

Logo de realizar unha ofrenda floral, a clausura do acto correu a cargo do grupo de gaitas Folieiros.

O masacre de 1922

O masacre de Sobredo de 1922 foi un capítulo chave da historia das loitas agrarias na Galiza. Desenvolveuse no marco dos grandes conflitos sociais contra o sistema foral e contra a quenda que marcou o réxime político da I Restauración. Neste contexto, a Garda Civil abriu fogo contra centos de veciños que tentaban impedir un embargo, ficando mortos no enfrontamento Joaquín Estévez, Venancio González Romero e Cándida Rodríguez González.

Os feitos de Sobredo remataron por converterse nun símbolo da dignidade labrega na Galiza. Neste contexto,  27 de novembro de 1932, aproveitando o décimo aniversario dos feitos foi inaugurado un monumento ás vítimas promovido pola Federación Provincial Agraria de Pontevedra. Unha obra que os fascistas dinamitaron en xullo de 1936 e que foi reconstruído 50 anos despois, en 1986, por entidades sociais da comarca.

A matanza de Sobredo non foi un feito illado na Galiza da I Restauración. O recurso á forza para combater as demandas dos sectores populares resultou unha constante nas tres primeiras décadas do século XX, comezando co asasinato de sete persoas en Oseira (Cea, comarca do Carballiño) no ano 1909, dunha en Láncara (comarca de Sarria) en 1912, de dúas en Noia en 1915, de cinco en Nebra (Porto do Son, comarca de Noia) no ano 1916, dun mínimo de seis en Trasancos en 1918 e de catro en Sofán, no concello de Carballo (Bergantiños), en 1920.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios