Memoria

Unha década da querela arxentina contra o franquismo

Celebran o aniversario procurando o apoio social nas redes
As querelantes Inés García Holgado e Darío Rivas en 2010 (CeAqua)
photo_camera As querelantes Inés García Holgado e Darío Rivas en 2010 (CeAqua)

Desde a Iniciativa Galega pola Memoria, integrada na coordinadora estatal de Apoio á Querela Arxentina (CeAqua), chaman a celebrar o décimo aniversario do procedemento mediante a visibilización do respaldo social do que goza, expresado a través de cartas, textos, imaxes, vídeos... que serán compartidas nas súas redes sociais. A compilación terá lugar até 21 de abril.

A querela arxentina, iniciada coincidindo coa data de proclamación da II República, fai a década recoñecendo os logros conseguidos, mais sen esquecer que a causa xudicial se tramita na Arxentina porque "o Estado español continúa a desenvolver políticas de impunidade impropias e incompatíbeis cun sistema democrático".

O procedemento botou a andar en 2010, en virtude do principio de xustiza universal, para investigar os crimes contra a humanidade cometidos durante a ditadura franquista. A relación de delitos que pescuda o Xulgado Criminal e Correccional Federal 1 da República Arxentina inclúe desaparicións forzadas, fusilamentos, paseos, roubos de crianzas, traballo escravo, torturas, malos tratos e abusos en campos de concentración e preventorios, detencións arbitrarias, persecucións ou agresións sexuais.

Facendo balance, desde CeAqua consideran que conseguiron "que a querela arxentina sexa un dos instrumentos máis eficaces de denuncia e de loita contra as políticas de impunidade do Estado español". Neste senso, continúan a denunciar a falta de investigación xudicial dos crimes cometidos e o uso "dun discurso de esquecemento, amnesia e perdón oficial aos criminais franquistas, invocando unha suposta dinámica de reconciliación 'entre españois'". Entenden que isto representa unha "flagrante violación do Dereito Internacional dos Dereitos Humanos, pois o Estado español está a incumprir sistematicamente as obrigas contraídas tras a ratificación dos Tratados Internacionais na materia". 

Recordo de Darío Rivas

Desde CeAqua quixeron igualmente aproveitar o décimo aniversario para reafirmar o seu compromiso coa causa penal que, segundo afirman, seguirán "impulsando a pesar dos sistemáticos obstáculos impostos polo Estado español". Tamén lembran a todas as persoas que faleceron nestes últimos anos despois de traballar "con tanto esforzo a fin de que o proceso xudicial fose un referente na loita contra a impunidade", cunha mención moi especial ao galego Darío Rivas —finado hai hoxe xusto un ano—, que foi o primeiro querelante, así como a Carlos Slepoy e o recentemente finado Chato Galante, como impulsores esenciais de CeAqua.
 

Comentarios