O movemento memorialístico expresa o “gran pesar” pola morte de Galante

As asociacións de memoria histórica de Galiza, reunidas na Iniciativa Galega pola Memoria, expresan o seu máis fondo pesar polo falecemento na pasada noite en Madrid de José María Chato Galante, referente inesquecíbel da loita pola xustiza e fronte á impunidade dos crimes do franquismo.

Chato Galante, en San Simón, en xullo de 2019 (Imaxe: IGM)
photo_camera Chato Galante, en San Simón, en xullo de 2019 (Imaxe: IGM)

A Iniciativa Galega pola Memoria lembra que Galante, a quen entrevistou Montse Fajardo para Sermos Galiza, estivo preso en cárceres franquistas e foi torturado por Billy el Niño. Era membro do colectivo La Comuna Presxs del Franquismo, da Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina CEAQUA e colaborador estreito e entusiasta do movemento memorialista galego.

Nos últimos tempos, visitou en numerosas ocasións Galiza para participar en actividades de asociacións locais e da Iniciativa Galega pola Memoria. “A súa presenza entre nós foi determinante para que se reactivase na Galiza a loita contra a impunidade dos crimes do franquismo e a participación de familias e entidades na causa aberta polo xulgado do criminal número 1 de Buenos Aires, como querela arxentina”, explica o colectivo nun comunicado de prensa.

Entre as súas intervencións públicas a Iniciativa Galega pola Memoria lembra a da Homenaxe nacional ás vítimas do franquismo en San Simón, en xullo do 2019, e o acto de adhesión á querela arxentina promovido pola Deputación de Pontevedra en novembro dese mesmo ano. Ademais, participou en actividades que tiveron lugar no Val Miñor, Ribeira, Pontevedra e Vigo.

“Dentro do seu inxente labor social”, sinala a entidade, “destaca a participación no documental El silencio de otros (2018), que o levou a falar da represión franquista e da loita pola xustiza en cidades de todo o mundo, en asociacións e sobre todo no ámbito escolar, que era o público que el estimaba máis”.

A Iniciativa Galega pola Memoria agradece “o inmenso exemplo de loita, de xenerosidade e de entusiasmo que nos brindou Chato Galante”. “Expresamos o noso compromiso por manter viva a súa memoria da mellor maneira que se pode facer: dándolle continuidade, ate rematala, á tarefa que el nos deixou en herdanza, facer xustiza”, conclúe o colectivo no comunicado.

Comentarios