O Parlamento "aparca" o Día da Galiza Mártir pero homenaxeará Bóveda e outras vítimas do franquismo

A Comisión de Administración Xeral, Xustiza e Interior da Cámara galega aprobou de forma unánime a Proposición Non de Lei que levou o BNG co obxectivo de homenaxear a represaliadas e represaliados galegos da ditadura. No entanto, polo momento non saíu adiante a institucionalización dun día dedicado ás persoas mártires.
Homenaxe a Alexandre Bóveda na Caeira, nesta terza feira, con Amalia (a súa filla) no centro da imaxe (Foto: Europa Press).
photo_camera Homenaxe a Alexandre Bóveda na Caeira, nesta terza feira, con Amalia (a súa filla) no centro da imaxe (Foto: Europa Press).
A Comisión primeira Institucional, de Administración  Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento da Galiza, vén de aprobar por unanimidade a Proposición Non de Lei do BNG para organizar unha homenaxe ás vítimas galegas do franquismo, xunto a asociacións de vítimas e de memoria histórica; así como á figura de Alexandre Bóveda, polo seu papel no Estatuto de 1936 e o seu defensa do país e de valores como a concordia ou o perdón.

Aínda que a proposta do Bloque incluía a institucionalización do 17 de agosto como Día da Galiza Mártir, os grupos presentes na Comisión acordaron "aparcar" este punto para conseguir chegar a un acordo respecto ao resto dos contidos.

"Nunha democracia madura e avanzada, o normal sería honrar e homenaxear ás persoas que loitaron polos dereitos democráticos e polas liberdades. Os homes e mulleres que defenderon os dereitos de Galiza e foron perseguidas por iso", indicaron desde o grupo nacionalista. 

"Todas estas persoas merecen o recoñecemento e a homenaxe das institucións galegas, comezando pola Xunta e o Parlamento", aseguraron.

A este respecto, destacaron a necesidade da celebración do 17 de agosto como Día dá Galiza Mártir como "honra á memoria e á loita de Alexandre Bóveda e á de todos os homes e mulleres que, como el, sufriron a persecución e o asasinato polo fascismo franquista español".

PSdeG e PPdeG

Porén, esta última parte quedou parada para acadar o punto de encontro. Así, o PSdeG apoiou a idea global "que non busca iniciar unha  vingativa persecución dos verdugos franquistas, senón satisfacer o dereito das vítimas, e de todos, a saber; un proceso saudable".

O grupo socialista defendeu que a etapa democrática tras a Transición é "a mellor etapa" que viviu España en toda a súa historia; uns termos nos que tamén se expresou o grupo popular, que destacou que a "democracia é o ben máis prezado, polo que todos debemos contribuír a mantela".

Así as cousas, os populares comunicaron o seu desexo de homenaxear Alexandre Bóveda polo seu defensa de Galicia, que "nunca foi incompatíbel co seu sentimento de pertenza a España" e polos valores de perdón e concordia demostrados polo galeguista antes de ser asasinado.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios