Análise

O misterio do retrato de Rosalía: por que está asinada por un Sellier que non chegou a coñecer a poeta?

A Coruña anda estes días de aniversario, os 150 anos da chegada de Rosalía á cidade do porto do Parrote.
Retrato de Rosalía de Castro asinado por Joseph Sellier.
photo_camera Retrato de Rosalía de Castro asinado por Joseph Sellier. (Foto: RAG)

En 1874 Renoir presenta a súa Parisienne á primeira exposición dun grupo de artistas plásticas decididas a facer agromar a arte que cambiou a arte. A mesma mostra á que Claude Monet achega Impression, soleil levant, pintado no porto atlántico de Le Havre. Esta alborada de Monet vai fixar para a historia da arte o novo estilo que coñeceremos como Impresionismo. En 1874 noutro porto atlántico, unha artista galega prepara a penúltima mudanza. Rosalía de Castro non ha tardar en abandonar a vila na que leva vivindo desde 1871. 

A Coruña anda estes días de aniversario, os 150 anos da chegada de Rosalía á cidade do porto do Parrote. Toda celebración merece unha imaxe simbólica e para esta ocasión temos unha fotografía duns 150 anos que se converteu en icona.

A escritora fixa a súa mirada cara a nós. No bico, un sorriso, na fronte, un grupiño de bucles coroados por un coqueto toucado. Exactamente ao xeito da parisina impresionista. Renoir retrataba en óleo de corpo enteiro a instantánea xovial da modernidade vestida de azul sobre fondos que desaparecen. É o aire o que arrodea.

Outro apelido en francés xorde detrás da cámara que fotografa a Rosalía, detrás da cámara e dalgunha das copias que hoxe gardamos no arquivo da Real Academia Galega. Sellier. Un Sellier acompañado de diferentes estampas que acuñan premios recibidos. Na parte inferior unha pista: “consérvanse os clixés". Esta pequena advertencia pode ser a clave que resolva un misterio de datas. Entre os premios destacamos o da Exposición Universal de París de 1889, a da inauguración da Torre Eiffel. Outra icona da modernidade da que a autora de Follas Novas xa non chegou a oír falar.

Disonancias cronolóxicas

O feito habitual de que os gabinetes fotográficos gardasen os negativos dá resposta ás disonancias cronolóxicas destas traseiras da foto de Rosalía. As asociacións e continuos traspasos dos negocios pode explicar por que é J. Sellier o nome que figura no cartón sendo que el chega á Coruña en 1886, un ano despois do pasamento da poeta.

Se damos renda solta á lóxica e pensamos que Rosalía de Castro se fai fotografar na cidade mentres vive nela, temos que dar por boa unha data entre 1871 e 1875. Se buscamos o apelido Sellier e a súa actividade laboral atopamos un Louis Sellier que neses momentos se está establecendo en solitario no número 15 do Cantón de Porlier, logo dunha estadía en Ferrol e unha dilatada colaboración con outro apelido de fotógrafo francés: Avrillon, socio e cuñado. Alfredo Sellier, descendente desta saga, cóntanos na súa colaboración durante a mostra Miradas inalterábeis do Arquivo Municipal da Coruña que por mor de discrepancias familiares a sociedade Avrillon-Sellier rompe a finais da década dos sesenta do século XIX. Os datos historiográficos ratifican que en 1874 Louis Sellier xa se atopa traballando nun local do Cantón de Porlier. 

Un Cantón que nese mesmo 1874 está sendo mapeado polos enxeñeiros Barón e Yañez. Nos seus planos vemos fronte ao número 15 unha pequena apertura na balaustrada con bustos de personaxes ilustres que pechaba a beirarrúa. Se confrontamos co catastro municipal actual e comparamos co traballo sobre cartografía histórica local feita polo arquitecto Xosé Lois Martínez vemos que hoxe en día aquel predio correspóndese co número 5 do Cantón Grande. O mesmo edificio que aglutinando tres antigas parcelas acolle a placa conmemorativa de Sir John Moore. 

Acudiu Rosalía de Castro a facerse retratar por Sellier naquel seu novo local?

Louis Sellier é nese momento un home duns 37 anos, igual que Rosalía. Un home que viviu desde noviño entre A Coruña e a súa Francia natal á que acode acotío na procura de innovacións tecnolóxicas e en contacto coa vangarda cultural e estética que manaba do país galo. Sellier prepara a cámara, o entorno, a modelo e a súa xestualidade. Coa inclinación do rostro ofrécenos, como sinala o deseñador Pepe Barro, unha linguaxe corporal amable e certa xovialidade feita icona.

O misterio dos negativos

Non cabe dúbida de que nos nosos días esta fotografía é un símbolo, mais por algunha razón que aínda cómpre pescudar esta imaxe xa foi iconografía elixida nas décadas inmediatamente posteriores á biografía rosaliana. Que é o que acontece para que Joseph Sellier volva revelar estes negativos nalgún momento posterior a última data que aparece no reverso, 1901? É unha petición privada de Murguía? É a causa dunha efeméride? O aniversario dos vinte anos do seu pasamento? Ou o 25 cabodano, coincidente co momento no que o Teatro Principal da Coruña se renomea como Rosalía Castro? O feito de que os negativos estean en posesión de Joseph a principios do século XX permite afirmar que son propiedade da sociedade que os irmáns Sellier forman cando Joseph chega á cidade despois de 1886.

Sociedade que se leva a cabo -en diferentes locais- durante aproximadamente dez anos até que Louis se retira. O feito de que a autoría e a posesión dos negativos recaia sobre Louis permite lanzar a hipótese de se a fotografía icónica de Rosalía de Castro se realizaría xa no local que Louis Sellier Loup abre en solitario no número 15 do Cantón coruñés, xusto fronte unha balaustrada de personaxes ilustres.

Estes días do outono de 2021 andamos na Coruña de celebración. Asociacións culturais como Alexandre Bóveda ou a Fundación Rosalía de Castro achegan actos co fin de festexar a efeméride rosaliana. É polo tanto un bo momento para repensar estas cuestións e para engadir unha máis: non merece Rosalía un oco a modo de homenaxe permanente nos lugares da Coruña que habitou?

Comentarios