A Mesa do Congreso desbloquea a lei sobre os bebés roubados

A Iniciativa Lexislativa Popular estaba conxelada desde o ano 2020.
Os nacementos baixan con respecto ao ano pasado (Foto: Nós Diario)
photo_camera Na Galiza, entre 2011 e 2020 abríronse 36 dilixencias de investigación sobre roubo de bebés no franquismo. (Foto: Nós Diario)

PSOE e Unidas Podemos alcanzaron un acordo para desbloquear na Mesa do Congreso a tramitación da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) coñecida como lei sobre 'bebés roubados', conxelada desde 2020 coa sucesiva ampliación do período para presentar emendas. Na Galiza, segundo datos do Ministerio de Xustiza, entre 2011 e 2020 había abertas 36 dilixencias de investigación sobre roubos de bebés durante o franquismo.

Segundo avanzou esta terza feira o portavoz do grupo confederal, Pablo Echenique, o órgano de goberno da Cámara fixou para hoxe, 1 de marzo, a finalización do prazo para presentar propostas de cambios no articulado do proxecto normativo.

A Lei de 'bebés roubados' é unha das sete normativas que Unidas Podemos esixía desconxelar no Congreso, xunto á de segredos oficiais, de medidas contra a morosidade, a normativa sobre seguridade do paciente, a reforma para despenalizar os delitos de opinión (como as inxurias á Coroa), a lei de saúde mental e a norma para axudar aos afectados pola esclerose lateral amiotrófica (ELA).

Trátase de normas que acumulan 510 prórrogas e dúas delas ─bebés roubados e morosidade─ levaban sen avances desde setembro de 2020.

A lei, que contou co consenso de todo Congreso na anterior lexislatura contempla recoñecer e asegurar os dereitos á verdade, a xustiza, a reparación e a non repetición con diversas medidas, entre as que se atopan a garantía do dereito ao acceso a todo tipo de arquivos, tanto públicos como privados, a realización de exhumacións sufragadas polo Ministerio de Xustiza; a atención médica, xurídica e psicolóxica gratuíta e a realización de campañas de información e difusión para que "este crime contra a humanidade non se volva repetir".

Comentarios