A memoria rebelde da guerrilla dezá do Corcheiro

Chamábase Miguel Nicolás Esperante pero na memoria da Galiza democrática será sempre “O Corcheiro”. Naceu en Taragoña, no concello de Rianxo, na comarca do Barbanza o 29 de marzo de 1915 e segue a demandar xustiza.

O guerrilleiro dezao Miguel Nicolás Esperante “O Corcheiro”. (Foto: Arquivo Alberte Maceira)
photo_camera O guerrilleiro dezao Miguel Nicolás Esperante “O Corcheiro”. (Foto: Arquivo Alberte Maceira)

É o nome mito da guerrilla antifascista da comarca do Deza. Significa para as xentes desa comarca o que “O Gardarríos” na Mariña, “O Piloto” na Ribeira Sacra, Juan Sorga na Limia, “Mario de Langullo” na Terra de Trives ou “O Curuxás” na Ulloa ou Melide. Son en definitiva, sinónimos de liberdade, rebeldía e xustiza.

A loita de Miguel Nicolás Esperante arrancou no período republicano. Segundo sinalou o investigador Alberte Maceira, “en tempos da república, era o encargado de repartir pola Bandeira (Silleda) o xornal Mundo Obrero, órgano do Partido Comunista de España (PCE)”, formación na que se integrou en xaneiro de 1935.

A represión

A represión franquista xerou ao “Corcheiro” un inferno penitenciario, que o levou a pasar por diversos cárceres, campos de concentración como os de San Simón ou batallóns de traballadores como os de León, Ourense ou Miranda do Ebro. Posto en liberdade nos primeiros anos 40, a represión paralegal cebouse contra el naquela A Bandeira dos anos iniciais da ditadura.

A clandestinidade era naquela altura o único camiño para seguir loitando pola democracia. Neste contexto, canda seu cuñado e camarada, Eugenio Rueda, impulsa entre 1943 e 1944 a popularmente coñecida agrupación guerrilleira dos “Corcheiros”, cuxa memoria segue hoxe viva nas terras do Deza.

A guerrilla

O historiador Manuel Igrexas documentou que “Os Corcheiros repartían propaganda nas feiras” na que chamaban a “loitar unidos até conseguir derrocar o réxime franquista, e rescatar a República que o traidor Franco, axudado por Hitler e Musolini, nos arrebatou o 18 de xullo”.

Os antifranquistas nucleados arredor do “Corcheiro” participaron no proceso de reorganización da guerrilla impulsada en 1944 polo PCE. Neste sentido, os seus membros pasaron a integrarse na IV Agrupación do Exercito Guerrilleiro da Galiza, desprazándose Miguel Nicolás á comarca de Vigo para facer parte do destacamento Paco Barreiro.

O tempo das agrupacións

A constitución da V Agrupación do Exercito Guerrilleiro da Galiza devolveu ao “Corcheiro” de novo ao Deza en 1947, sendo designado un ano máis tarde responsábel dun grupo desta nesa comarca, no que, tamén, se integraban Florentino Méndez e Jose Remuiñán.

Miguel Nicolás Esperante morreu coas armas na man o 9 de abril de 1948. Aquel día a guerrilla pretendía axustizar ao fascista de Siador (Silleda), Benito Rivas Fondevila, que disparou cunha escopeta ao “Corcheiro”. Porén, as xentes do Deza que continúan na busca da xustiza non o creen.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios