As Marías, separadas á forza despois de mortas

Ao contrario do que pensaba a familia, as irmás Coralia e Maruxa Fandiño non están soterradas na mesma tumba. A descuberta fixérona dúas asociacións de Compostela que emprenderon un proxecto para amañar o nicho 991, onde se pensaba que repousaban os seus restos

photo_camera As irmás Fandiño, xuntas, na Alameda de Compostela


Coralia e Maruxa, as irmás Fandiño Ricart, camiñaron xuntas as rúas de Compostela vestidas con rechamantes roupas que encheron de cor os tempos grises da ditadura. Chamábanlles 'as dúas Marías' ou 'as dúas en punto'.

Dúas d@s trece fill@s que tiveran a costureira Consuelo Ricart e o zapateiro Arturo Fandiño. Porén, malia saberen que eran dúas, non as enterraron xuntas. 

A descuberta fixérona as asociacións O Galo e Ateneo de Santiago. Un proxecto de recuperación da memoria histórica local levou integrantes dos dous colectivos até o cemiterio de Boisaca. Querían arranxar a tumba 991, onde estaban soterradas as dúas Marías, segundo as informacións publicadas na imprensa e as conversas que manteran con familiares viv@s.

Con todo, é unicamente Maruxa a que repousa no nicho que leva ese número, ocupando Coralia aqueloutro numerado como 3196. 

Segunda campaña solidaria coas Marías

A campaña de recollida de diñeiro entre a cidadanía para sufragar os gastos deste proxecto precisará xuntar máis cartos pois, tal e como advirten ambos os dous colectivos, contémplase agora a posibilidade de iniciar os trámites para soterralas no mesmo lugar, opción esta, coma todas as que fan parte da iniciativa, que terá que ser decidida pola familia. Non é a primeira vez que as dúas mulleres protagonizan unha acción solidaria da veciñanza compostelá. Nos anos '60 un trebón varreu o tellado da súa casa e puideron amañalo após xuntar 250 mil pesetas, que naquel tempo era case o prezo dunha vivenda nova.

Desta volta, o diñeiro será para amañar a súa tumba. A recuperación da memoria destas dúas mulleres que enfrontaron o fascismo, resistindo o aceite de ricino, o pelo rapado, os insultos e as ameazas, pasará por deseñar para elas un panteón que sexa, a un tempo, unha homenaxe en que se ligue a pedra gastada das rúas coas cores vivas que as caracterizaban. Debaixo dela ficarán soterradas as dúas mulleres máis coñecidas e fotografadas de Compostela.


**Nº de conta para achegas solidarias: 2080-0300-89-3040153448 (Novagalicia Banco)

Comentarios