Contracultura

Iria Fafián, ilustradora: "A María Castaña ilustreina como unha labrega de presenza potente e cun facho ardendo na man"

Iria Fafián é unha artista versátil, cuxo traballo xira arredor do muralismo e da ilustración, cun estilo que se adapta a diferentes linguaxes coas que busca constantemente novos resultados. O seu último proxecto é a colaboración con outras catro artistas no 'Cartafol de ilustracións do Reino de Galiza' de MAOS Innovación Social. 'Nós Diario' incluirá o sábado 17 de setembro unha cartilla para conseguir este cartafol de ilustracións. As lectoras e lectores poderán cubrila cos cinco cupóns que se distribuirán co xornal entre o 20 e o 24 de setembro e entregala no quiosco.

A ilustradora Iria Fafián experimenta entre o muralismo e a ilustración.
photo_camera A ilustradora Iria Fafián experimenta entre o muralismo e a ilustración.

—Cales foron os seus primeiros pasos no mundo da ilustración profesional?
En 2014 propuxéronme o meu primeiro encargo de álbum ilustrado. Nesa época debuxaba moito e este encargo motivoume a seguir por ese camiño. Pouco a pouco foron chegando outros encargos e propostas tanto de ilustración como de murais. 

—Desde hai uns anos, o traballo da ilustración ten unha maior visibilidade, como está o panorama na Galiza?
Pese a estar máis visibilizado segue sendo un ámbito moi precarizado, mal pagado e inestábel economicamente. Iso leva da man que se creen colectivos para loitar polos dereitos da profesión como as asociacións de ilustradores, a AGPI no caso da Galiza, e mediante esa unión vaise conseguido formalizar unha profesión que non deixa de ser relativamente nova. Por outra parte, hai cada vez máis interese en contar con ilustracións para apoiar certas iniciativas e forma parte da asimilación da profesión, que ten que ir acompañada dunha valoración por parte deses clientes do traballo da ilustradora. Na Galiza temos un movemento de ilustración moi potente.

—Á hora de comezar un novo proxecto, que é o que busca?
Cada proxecto é diferente, no meu caso teño tendencia a explorar rexistros novos ou seguir por unha liña concreta que estea investigando nese momento. Gústame probar cousas novas e iso fai que ás veces quede contenta co resultado e outras que non tanto. Pero sempre acabo por aprender moito.

—Vén de realizar dúas láminas para o 'Cartafol de ilustracións do Reino de Galiza', cal foi o primeiro paso para enfrontar este proxecto?
Ler e documentarme sobre as historias da mulleres que tiña que ilustrar, coñecer o contexto para adaptar a vestimenta e a decoración a una época concreta, e neste caso, polo formato que quería facer, extraer certas ideas que condensen a súa historia en símbolos, figuras ou iconas sinxelas.

—As súas ilustracións son sobre Dona Urraca e María Castaña, respectivamente, ao redor de que ideas traballou para reproducir estas figuras?
Para ambas quixen utilizar un formato como de naipe, coa súa figura como elemento central e algún elemento que fixera referencia á súa historia ou esencia no fondo. No caso de Dona Urraca imaxinei unha muller de presenza poderosa no seu trono, cunha urraca sobre o cetro como elemento referencial ao seu nome e mirada penetrante. No borde mesturei elementos que fan referencia á súa historia (espadas, coroas, elementos vexetais como metáfora do crecemento, paxaros, soles e lúas).

No caso de María Castaña imaxinei una muller labrega, tamén de presenza potente, nunha leira de cereal cun facho ardendo na man e unha igrexa queimada no fondo como referencia da rebelión que liderou contra o clero. Os elementos do marco fan referencia directa ao seu nome (castañas) e á rebelión (lume, espigas).

—Cal foi o maior reto para vostede neste proxecto?
Imaxinar a historia e as personaxes cos detalles que non están recollidos por escrito, xa que ambas son personaxes moi antigas das cales hai relativamente pouca información e practicamente ningunha imaxe. Isto deixa moito xogo á interpretación e pareceume interesante.

—Que ideas ou proxectos profesionais ten en mente?
Teño varias cousas en mente, entre elas moitas ganas de facer de novo un proxecto expositivo de caixas de luz. Pero polo meu momento vital, voume tomar una pequena pausa na que aproveitarei para deixar repousar todas as ideas.

Comentarios