Os Franco solicitan formalmente retirar de Meirás as estatuas do Mestre Mateo e a biblioteca de Pardo Bazán

A familia do ditador quere retirar do interior do Pazo de Meirás as estatuas de Abraham e Isaac do Mestre Mateo e a biblioteca da escritora Emilia Pardo Bazán. 
As esculturas do Mestre Mateo Abraham e Isaac [Imaxe: Europa Press].
photo_camera As esculturas do Mestre Mateo Abraham e Isaac [Imaxe: Europa Press].

Os herdeiros do ditador Francisco Franco solicitaron formalmente á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta da Galiza retirar do interior do Pazo de Meirás as estatuas de Abraham e Isaac do Mestre Mateo e a biblioteca da escritora Emilia Pardo Bazán.

Así o confirmou na mañá deste sábado o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, en declaracións aos medios nun acto decorrido en Santiago de Compostela, onde manifestou que a intención do Goberno galego é facer valer a condición de Ben de Interese Cultural (BIC) de ambos os bens (plena no caso das estatuas e en fase de tramitación no da biblioteca) para evitar que saian da Galiza.

"Trátase dun asunto de gran relevancia xurídica e debe ser abordado con solvencia", dixo Román Rodríguez, conselleiro de Cultura

O titular de Cultura puxo o acento en que se trata dun asunto "de gran relevancia xurídica" que debe ser abordado "con solvencia" pois supón unha cuestión que escapa de "formulacións políticas" e alcanza o ámbito da xustiza.

Deste modo, após confirmar a solicitude efectuada polos herdeiros do ditador tras a sentenza que lles permite retirar os bens móbeis que hai no interior do pazo, o conselleiro manifestou que a intención da Xunta é "tentar preservar para o patrimonio cultural da Galiza estes bens" porque ese é "o sentir maioritario dos galegos".

Para iso, a vía elixida é facer prevalecer a condición de BIC de ambos os elementos. No caso das estatuas do Mestre Mateo, están declaradas BIC desde o ano 2019, mentres que a biblioteca da escritora está incoado o expediente e, por tanto, a Xunta entende que é "para todos os efectos" un ben protexido.

Patrimonio ten agora un prazo de tres meses para responder á petición dos Franco. Durante ese tempo, a Administración galega abrirá unha rolda de contactos coas "institucións culturais máis singulares do país" para solicitar informes sobre os que "asentar con solvencia unha solución específica" que permita que estes bens se manteñan entre o patrimonio galego.

En concreto, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura e a Academia de Belas Artes son as entidades ás que recorre a Xunta, que tamén solicitará a opinión de "catedráticos de prestixio" para elaborar a súa estratexia legal dentro do ámbito das súas competencias.

Resto de bens 

Respecto ao resto de bens que hai en Meirás, sobre os que os herdeiros de Franco teñen un prazo dun mes para retirar do complexo de Sada; o conselleiro dixo que os servizos xurídicos da Xunta concluíron que corresponde ao Estado "reclamar ou iniciar unha declaración BIC" para a súa protección.

"Quen ten que incoar ese expediente BIC é o Estado", sentenciou Rodríguez 

"Son bens escritos ao patrimonio do Estado. Ten que ser o propio Estado, con base nos artigos 6 e 9 da Lei de Patrimonio Histórico de España", comentou o conselleiro, que ofreceu a colaboración da Administración galega.

"Pero quen ten que incoar ese expediente BIC é o Estado", engadiu antes de emprazar a "facer as cousas ben" no plano xurídico para evitar "pasos atrás".

 

Comentarios