Análise

Lei de Memoria Democrática e temas pendentes

Teatralización nunha marcha cívica en favor da devolución ao público dos bens do Pazo de Meirás, en xuño de 2021.
O 10 de xullo vai lembrarse o 25º aniversario do asasinato por ETA de Miguel Ángel Blanco, concelleiro do PP, coa asistencia dos reis e cargos do Estado. Acto que aproveitan PP e Vox para atacar o Goberno e a Lei de Memoria Democrática, que está en tramitación.

Esta lei debería acabar coa clasificación de vítimas do terrorismo de primeira categoría (provocadas polo terrorismo de ETA, Grapo, etc) e de segunda categoría, as provocadas por unha ditadura criminal e polo terrorismo de Estado. Se o Goberno quere ter algunha credibilidade debería comezar por organizar actos de Estado de recoñecemento das vítimas da ditadura. Perdeuse unha boa oportunidade para lembrar o 50º aniversario do terrorismo de Estado en Ferrol o 10 de marzo de 1972. Estes son algúns casos até 1973: 

20-1-1969. Enrique Ruano Casanova, estudante de 21 anos, membro do Frente de Liberación Popular (FLP), detido cando repartía propaganda contra o franquismo, é asasinado pola policía; dixeron que "se ha tirado desde un 7º piso". Os tres policías que o custodiaban, despois de tres días de interrogatorios, Francisco Colino, Celso Galván e Jesús Simón, foron absoltos por falta de probas. 

21-7-1970. Antonio Huertas Remigio, Cristobal Ibáñez Encinas e Manuel Sánchez Mesa, obreiros da construción, son asasinados en Granada nunha manifestación por disparos da policía. 

13-9-1971. Pedro Patiño, militante do PCE e afiliado de CCOO, morre por disparos da Garda Civil cando repartía pasquíns en Leganés convocando unha folga da construción. 

18-10-1971. Antonio Ruiz Villaba morre en Barcelona polos disparos da policía contra os traballadores durante a ocupación da Seat na zona Franca. 

10-3-1972. Amador Rey e Daniel Niebla, obreiros da Bazán de Ferrol, son asasinados polas FOP nunha manifestación reivindicativa do convenio e houbo decenas de feridos de bala. 

8-4-1973. Manuel Fernández Márquez, militante do PSUC e CCOO morre cando a Garda Civil metralla unha manifestación de 2.000 obreiros na porta da central térmica de Sant Adriá de Besós. 

A Lei de Amnistía e a impunidade dos crimes do franquismo 

A Lei de Amnistía de 1977 foi unha conquista democrática; moitas persoas saíron do cárcere e recuperaron o posto de traballo. Durante máis de corenta anos houbo unha utilización perversa desa lei, interpretada como unha lei de punto final porque o artigo 2 sinala que están comprendidos dentro desa amnistía: "Os delitos e faltas que puidesen cometer as autoridades, funcionarios e axentes da orde pública, con motivo ou ocasión da investigación e persecución dos dereitos das persoas. Os delitos cometidos polos funcionarios e axentes de orde pública contra o exercicio dos dereitos das persoas".

PSOE e PP subliñaron o esquecemento. José María Benegas, dirixente socialista, manifestaba: "La Ley de Amnistía de octubre de 1977 fue una ley de punto final en virtud de la cual nada de lo ocurrido entre el 18 de julio de 1936 y el 15 de junio de 1977 podría ser objeto de reclamación, es decir, renunciamos a revisar el pasado y exigir las responsabilidades generadas durante cuarenta años de dictadura" (El Siglo, 5-11-2007). O PSOE fixo distintas declaracións segundo a situación política e intereses electorais, pero nunca recoñeceu, na práctica, o dereito á xustiza, verdade e reparación que reclaman as vítimas do franquismo e os organismos internacionais de dereitos humanos. Manuel Fraga era moi claro: "Aquí hubo una amnistía, y amnistía quiere decir no solamente mutuo perdón, sino mutuo olvido. Amnistía quiere decir amnesia, y eso, insisto, quiere decir olvidar, olvidar" (entrevista de María Antonia Iglesias en El País, 12-8-2007). 

A anulación desta lei ou polo menos do citado artigo 2 é unha reivindicación histórica do movemento memorialista, que xustifica hoxe unha abstención até ver o texto definitivo da Lei de Memoria Democrática. Non podemos perder esta oportunidade e, como sempre, a mobilización social podería ser determinante.