O BNG reclama a declaración de Meirás como "lugar de memoria"

Néstor Rego insta o Goberno estatal a introducir mudanzas na Lei de memoria democrática para que non torne nunha "oportunidade perdida de rematar coa impunidade do franquismo".
Visita do BNG ao Pazo de Meirás. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Visita do BNG ao Pazo de Meirás. (Foto: Nós Diario)

O BNG instou esta sexta feira o Goberno estatal a "rectificar" a Lei de memoria democrática a fin de introducir no texto "aspectos importantes que permitan rematar coa impunidade do franquismo", xa que, en caso contrario, será unha "oportunidade perdida", advertiu o deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego.

Nun acto no que Rego participou diante do Pazo de Meirás xunto á voceira do Bloque en Sada, Laura Rodríguez, a deputada Mercedes Queixas, o portavoz do BNG na Coruña, Francisco Jorquera, e mais o investigador e activista Carlos Babío, exixiu a declaración do recinto como "lugar de memoria".

De non introducir mudanzas na lei neste senso, tal e como defendía o BNG nas súas emendas, a Lei de memoria democrática será "unha fraude". "PSOE, UP e PP terán que explicar porque votaron en contra desta emenda, cando si deron o seu apoio a recoñecer esta mesma consideración ao Forte de San Cristobal  en Nafarroa e mesmo a devolución ao Concello de Donosti o Palacio da Cumbre", precisou Rego.

A respecto dese texto, o deputado subliñou que PSOE e Unidas Podemos "néganse" a derrogar os artigos 2e e 2f da Lei de Amnistía, "como se negaron hai catro meses a tomar en consideración unha proposición de lei que demandaba a reforma do Código Penal para poder investigar e xulgar os crimes do franquismo".

Rego considera que esta lei recollen avances, "nalgúns casos bastante importantes" en comparación coa Lei de 2007, mais tamén entende que non é "todo o ambiciosa que debera e podería ser" para rematar coa impunidade do franquismo.

Pola súa parte, Babío lamentou a "falta de consideración" do Goberno do Estado na declaración do Pazo de Meirás como lugar de memoria, "tendo en conta que polo Pazo pasaron todo tipo de cargos e todos eles tiveron como denominador común a memoria", tal e como quedou acreditado na sentenza.

"Non se entende que se negue a declarar un espazo de memoria como é o Pazo porque, ademais, esa declaración non tería vinculación xurídica", engadiu.

Comentarios