As guerrillas galegas ao descuberto

Xoán Carlos Garrido: “A guerrilla construíuse sobre as experiencias anteriores”

Xoán Carlos Garrido (A Estrada, 1965) é filosofo e autor de numerosos traballos de investigación no campo da memoria democrática galega. Nesta segunda feira aproxímase en Nós Diario aos factores que determinan a conformación da guerrilla galega e a á influencia na mesma da revolución de 1934.
garrido 340
photo_camera Xoán Carlos Garrido Couceiro. (Foto: Nós Diario)

Sinala no seu artigo que o avance do fascismo na Europa dos anos 30 levou ás organizacións democráticas a xustificar o emprego da violencia, podíanos explicar isto?

Non se pode analizar un fenómeno local sen ter en conta o que está a pasar a nivel global. Sobre todo á luz de que moitos comportamentos sociais son miméticos ou se autointerpretan a través da identificación, aínda que sexa esta falsa, co que acontece noutros lugares.

O fascismo non é unha ideoloxía, senón unha anti-ideoloxía que apela aos intereses particulares de cada quen e conecta cos que desconfían do éxito das solucións colectivas desde o punto de vista do grupo oprimido e optan por salvarse individualmente.

Mais que sexa unha anti-ideoloxía non quere dicir que non se apropie daquilo que lle convén doutras ideoloxías, apoiase no anarquismo en moitos aspectos como o antiparlamentarismo ou a antipolítica, antipartidos e recolle da socialdemocracia outros elementos como a ideoloxía de progreso ou o Estado paternalista e tamén dos idearios contrarios, extraendo do liberalismo, da dereita tradicional ou do integrismo relixioso.

Todo iso fai moi difícil o combate ideolóxico nunhas circunstancias de crise económica e de lexitimidade das institucións tal como a que se daba naquelas alturas. Ademais para levar a cabo a batalla das ideas en termos culturais simplemente tamén pesaba o feito de que algunhas das bases sociolóxicas sobre as que se edificaba e nas que se apoiaba o éxito do fascismo non querían ser removidas porque eran compartidas por moitos demócratas: o racismo, o machismo ou o imperialismo.

Mais o caso é que o fascismo era un perigo certo e o trunfo de Hitler na Alemaña fixo temer mecanicamente a moitos que aquí nos agardaba outro tanto do mesmo. O fascismo nestes momentos estaba a chegar ao poder de xeito máis ou menos pacífico e mesmo a través de mecanismos legais e democráticos. Mais unha vez no Goberno non dubidaban en desmantelar dita legalidade e exercer a violencia contra os disidentes.

Nese contexto é de entender que comezara a propoñerse iniciativas para frear ese previsíbel trunfo do fascismo a través de todas as formas de loita e que non se descartase o uso da forza.
 

Os sucesos de outubro de 1934 non teñen sido obxecto de moita atención pola historiografía galega, a que se debe isto?

Se queremos ser simplificadores poderiamos resumir en que se lle chamamos revolución de Asturias, como fai a historiografía española, entendemos que non vai con nós. En calquera caso, independentemente de que os historiadores galegos non vexan a propia realidade ao mirala a través da historiografía española, o certo é que si se bota de menos un estudo profundo, localidade a localidade, do que aconteceu naqueles días de outubro. Existen algúns estudos monográficos e tamén se toca esta cuestión noutros máis xenéricos. Mais para relevancia que tivo para os acontecementos posteriores quizais habería que reparar máis nestes sucesos.

"Os sucesos revolucionarios de 1934 son un factor a ter en conta a hora de estudar a represión de 1936"

Precisamente a falla de estudos sobre os feitos de 1934, impide coñecer con precisión o acontecido, porén cal foi o alcance real da revolución na Galiza e a dimensión da represión posterior?

Canto teñamos todos os datos dos estudos locais e coñezamos máis dos debates internos que se deron nas diferentes organizacións sindicais e políticas nestes momentos poderemos tirar conclusións máis fiábeis. Sobre todo se complementamos isto co estudo de como se xestionou polas forzas represivas e como estas viviron as limitacións que tiña un marco formalmente de dereito e democrático para levar a cabo as súas accións.

O caso é que en 1934 hai un antecedente dunha opción por unha accións xeneralizadas alleas as vías legais e formais de actuación política. E para os represores quedou en evidencia o que botaban de menos un contexto xurídico e político diferente que lle deixara as mans libres para lograr os seus obxectivos de disciplinar a sociedade.

En moitos casos o 1934 delatou a posición daqueles máis activos, dos cadros políticos máis decididos e dos dirixentes dispostos ao enfrontamento directo. Disto tomarían nota os fascistas e en 1936 foron a por eles independentemente de cal fose a súa maior ou menor intervención nos sucesos de xullo. 1934 é un factor a ter en conta a hora de estudar a represión de 1936 mais tamén desde o punto de vista da experiencia dos que participaron nesta acción, comprobando en carne propia como as forzas represivas non teñen fiabilidade en canto a agardar deles o cumprimento de compromisos e un respecto mínimo polas regras de xogo, aínda que estas sexas as súas.

A revolución de 1934 foi unha sorte de experimento do acontecido en 1936, até que punto a experiencia acumulada nese momento vai marcar aos dirixentes dos primeiros grupos de fuxidos?

Eu creo que os que sufriron máis directamente os castigos en 1934, como as torturas, o cárcere, ou os consellos de guerra,  foron quen de desconfiar de que as forzas represivas se foran contentar con que simplemente se renderan e se entregaran. Presentiron que non se ían satisfacer só con inhabilitalos, multalos ou encadealos. Certo que estamos entrando en terreo do psicolóxico mais desde o punto de vista político e histórico non é un campo a desbotar. Non ían reaccionar igual os que actuaban e oídas que aqueles que coñeceron de primeira man que clase de xente ocupaba cargos de responsabilidade na Garda Civil e no exército, e que co Goberno da Fronte Popular seguían a conservar os seus postos a pesares do que fixeron no 34.

"Na comarca da Estrada e da Terra de Montes practicamente todos os detidos en 1934 son asasinados logo en 1936"

Sábese que algúns cadros da revolución de 1934, como por exemplo Temblás ou “O Gardarríos” xogaron un papel chave na guerrilla galega, aconteceu algo semellante na zona da Estrada e da Terra de Montes?

Nesta comarca practicamente todos os detidos en 1934  son asasinados logo en 1936. Non podemos falar de guerrilla nestes momentos porque non hai unha estratexia político-militar detrás das accións que se estaban a levar a cabo. De 1936 a 39, como moito, procurábase organizar a supervivencia agardando o fin da guerra. Considerábase que o resultado final ía ser favorábel á República.

Pero cando xorde a guerrilla, esta non nace da nada. Construíuse sobre as experiencias anteriores. E todo o tecido que foi necesario para pór en marcha unha organización armada como a da guerrilla na Galiza foi posíbel grazas ás estruturas previas que existían.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios