Un galego, primeiro presidente da Arxentina

O primeiro presidente da Arxentina foi alcumado como Doctor Chocolate polos seus adversario políticos. Motivo? Posíbel ascendencia africana. Non existe documentación que acredite tal hipótese. O que é seguro: a súa orixe galega.

Bernardino Rivadavia, primeiro presidente de Arxentina, de orixe galega
photo_camera Bernardino Rivadavia, primeiro presidente de Arxentina, de orixe galega

Bernardino de la Trinidad González de Rivadavia foi o primeiro presidente da Arxentina. Naceu o 20 de maio de 1780 en Buenos Aires e morreu en Cádiz o 2 de setembro de 1845.

Era fillo de Benito Bernardino González de Rivadavia, comerciante en Buenos Aires e natural de Monforte de Lemos, onde nacera en 7 de febreiro de 1747 segundo consta en anotación de libro de bautismo e morreu, segundo o libro 3 de defuncións da igrexa da Inmaculada Concepción de Buenos  Aires, folio 235 vta., o 28 de setembro de 1816.

A súa nai, María Josefa de Jesús Rivadavia Rivadeneira, nada en Buenos Aires o 13 de xaneiro de 1755, era filla de José Antonio Rivadavia Díaz, tamén de Monforte, e de María Feliciana Rivadeneira Domínguez, filla á súa vez de Antonio Rivadeneira Pérez de Novoa, natural de Camariñas, e de María Domínguez Basurto, cuxo pai nacera en Cádiz.

Durante as invasións inglesas (1806) participou como tenente no “Cuerpo de Voluntarios de Galicia”. Entre 1811 e 1826 ocupou diferentes cargos estando en mais de unha ocasión exiliado acusado de “españolista”. Exerceu diferentes misións diplomáticas en Europa e en  1826 foi electo o primeiro presidente da Arxentina. Durante o seu goberno criáronse diversos museos, a Biblioteca Nacional e a Universidade. 

manalO seu goberno enfrontou diversos problemas, basicamente referentes á guerra contra o Brasil, na disputa polo provincia Cisplatina, actual Uruguai.

Renunciou ao goberno en 1827 e exiliouse na Europa. Morreu en Cádiz aos 65 anos, deixando escrito en testamento que era o seu desexo non voltar nunca a Buenos Aires (e menos a Montevideu). De pouco serviu, pois os seus restos foron trasladados en 1857, con honras de Capitán Xeneral e presenza dunhas 60.000 persoas.

Renunciou ao goberno en 1827 e exiliouse na Europa. Morreu en Cádiz aos 65 anos

Nese mesmo ano naceu a avenida Rivadavia, a máis longa de Buenos Aires ( e a terceira do mundo) con 35 kms e unha numeración que chega ao 27.500. A esta avenida dedicoulle unha canción o grupo arxentino de rock Manal.

Caminamos una calle sin hablar
Avenida Rivadavia.
Caminamos una calle sin hablar,
Avenida Rivadavia.

Bartolomé Mitre, tamén presidente da Arxentina, cualificou Rivadavia como o máis grande home civil da terra dos arxentinos, pero entre os seus opositores non era tan ben visto e era coñecido como Sapo del Diluvio. Así o denomina o frade Francisco de Paula Castañeda 

No hay provenir maravilloso
ni otro contenido más delicado
que librarse del Sapo del Diluvio
El Sapo es Rivadavia o Rivaduvio
o el Robespierre el renegado

Claro que estas acusacións non eran gratuítas pois o goberno tomara a decisión de cerrar varios conventos e apropiarse de todas os bens que lles pertencían; tomou sobre si a responsabilidade de dar permiso para abandonar os hábitos a quen o desexar; suprimiu o décimo, o imposto tradicional que servía para o sostén do clero; limitou o número de relixiosos por convento; limitou a idade mínima para a profesión de votos relixiosos, xa que ningún relixioso podería pronunciar votos de consagración perpetua antes dos 25 anos e non recoñecía a existencia de ningunha autoridade relixiosa que residise fóra do país e pretendese ter poder sobre o clero secular e regular.

Bartolomé Mitre, tamén presidente da Arxentina, cualificou Rivadavia como o máis grande home civil da terra dos arxentinos

Mais non foi este o único alcume. Os seus inimigos políticos tamén o chamaban “Doctor Chocolate” aludindo a unha hipotética ascendencia africana. Quererían así humillalo pois cando Rivadavia foi presidente, na Arxentina censouse aproximadamente un 30% da poboación como de orixe africana. Como vimos ao comezo, unha parte dos ascendentes de Bernardino Rivadavia eran de orixe galega; outra parte, de Cádiz. Nada nos permite afirmar que fose afrodescendente e no censo de Buenos Aires de 1810 foi rotulado como branco. A pesar diso, J. A. Rogers incluíu Rivadavia  como un dos oito latinoamericanos de cor (entre eles Pedro II o Magnánimo e Machado de Assis) na súa antoloxía Great Men of Color. Na súa defensa o historiador George Reid Andrews escribiu: “ O estigma do ancestro africano era unha pesada cruz que se debía soportar na sociedade de Buenos Aires. Se se presentaba a oportunidade de a tirar de enriba, só unha persoa rara non a aproveitaría” 

Durante a colonia, as autoridades españolas cualificaron as distintas posibilidades de “cruza” ou unión de persoas negras africanas con persoas de outras orixes. Os nomes utilizados foron mulato, zambo, etc. Socialmente, posuír unha “cruza” na árbore xenealóxica era unha mácula insalvábel para a vida pública. Ignoro se Bernardino Rivadavia foi ou non froito dunha “cruza”, mais do que non hai dúbida é de que era galego.

Esta é unha versión lixeiramente retocada dunha reportaxe que saíu publicada no número 181 de Sermos

Comentarios