Os Franco "non acreditaron" ser "posuidores de boa fe" do Pazo de Meirás

O avogado do Concello de Sada, Miguel Torres, e o experto xurista Xoán Antón Pérez-Lema expoñen a Nós Diario os motivos polos que se tería acreditado que a familia Franco non posuíu o Pazo de Meirás "de boa fe" após a morte do ditador, unha cuestión chave na indemnización que, segundo a sentenza, lles corresponde.
O Pazo de Meirás, no día da súa devolución ao dominio público (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera O Pazo de Meirás, no día da súa devolución ao dominio público (Foto: M. Dylan / Europa Press).

A pasada sexta feira, a Audiencia Provincial da Coruña ditou sentenza en relación á propiedade do Pazo de Meirás, ratificando que corresponde ao Estado, mais decretou que a familia Franco deberá ser indemnizada ao considerar que as e os herdeiros do ditador posuíron o inmóbel "de forma pública, pacífica, ininterrompida e de boa fe".

Deste modo, o Estado debería sufragar os gastos "útiles" e "necesarios" durante a estadía dos Franco, alén dos 800.000 euros en que cifran a reconstrución do pazo após o incendio de 1978. Esta última é outra cuestión controvertida, xa que a familia tería recibido unha indemnización de 13 millóns e medio de pesetas para tal fin naquel intre.

Porén, contra este veredicto cabe presentar un recurso de casación ante o Tribunal Supremo, algo que xa confirmou o Concello de Sada. O seu avogado, Miguel Torres, manifesta a Nós Diario o "total desacordo" da Administración local á que representa no tocante a este apartado: "A mala fe transmítese aos herdeiros, e eles en ningún momento acreditaron ter actuado de boa fe", censura.

Neste senso, salienta que a defensa da familia Franco recoñeceu que a contía de 85.000 pesetas que figuraba na escritura de 1941 (declarada inválida pola Audiencia) nunca foi pagada, o que supón a "admisión expresa de que se trata dun título simulado" e, polo tanto, a confirmación de que os herdeiros sabían que a propiedade fora adquirida á marxe da lei.

Outro aspecto controvertido da sentenza é, para Torres, que non considere probado que a adquisición dos predios lindeiros para a ampliación de Meirás non foi un acto voluntario: "Cremos que, polas testemuñas que achegamos, está acreditado que persoas como Josefa Portela [avoa do historiador Carlos Babío, quen tomou parte no xuízo] foron obrigadas a vender", expón.

A 'doazón'... a Franco ou ao Xefe do Estado?

O avogado Xoán Antón Pérez-Lema, após estudar a sentenza, amósase "sorprendido" porque o documento considere acreditado que a presunta doazón da Xunta Pro Pazo tiña como destinatario Francisco Franco a título persoal e non o Xefe do Estado: "En 1938 Franco xa asumira a condición de 'Xeneralísimo', e así aparece reflectido nos documentos da época, xunto á denominación de 'caudillo'... Como non vai ser o Xefe do Estado?", argumenta.

"Franco era consciente de que non era o propietario e por iso simulou en 1941 a compravenda do Pazo con Manuela Esteban Collantes (herdeira de Emilia Pardo Bazán), cuxa escritura xa adquirira a Xunta Pro Pazo tres anos atrás", salienta Pérez-Lema, quen engade como a primeira herdeira do Pazo, Carmen Franco (filla do ditador), "tiña que ser perfectamente consciente de que se trataba dunha adquisición 'especial', porque non había un Estado de dereito cando estaba no poder o seu pai".

Comentarios