RETRATO DUN NACIONALISTA FUSILADO NO 36

César Parapar Sueiras, o irmao da fala

Evocamos a figura dun dirixente clave na conformación do nacionalismo nos anos 20 e 30, na Mariña luguesa, primeiro nas Irmandades da Fala e xa logo no Partido Galeguista.

CAM00462
photo_camera César Parapar

César Parapar Sueiras será sempre para nós o avó daqueles dous irmáns, Cesar e Hernán Naval Parapar, tan iguais, no compromiso e na firmeza patriótica, e tan diferentes, nos cometidos do traballo político desenvolto. César Parapar Sueiras foi para as xentes das Terras de Viveiro naqueles anos vinte e trinta, o irmao da fala, aquel nacionalista rexo e sen acougo que operou de motor de canta iniciativa patriótica naceu e viviu naquel occidente d´A Mariña.

Era 1916, e con tan só 15 anos, aquel mozo de Vieiro, aquel enclave mineiro que concentraba o groso do proletariado de Viveiro, emigrou á Habana onde se ocupou como empregado de comercio. Aqueles anos cubanos foron para o noso César máis ricos en aprendizaxe, coñecementos e toma de conciencia que en negocios, aumento do patrimonio ou acumulación do cupón. No Caribe deu de fronte con Galiza e participou dos traballos previos e tamén da fundación en xuño de 1920 da Xuntanza Nazonalista Galega d´Habana canda Fuco Gómez, Sinesio Fraga, Andrés Rodríguez, Camilo Díaz Seoane, Manuel Blanco Pascual ou Xavier Pardo. A Xuntanza Nazonalista Galega d´Habana, editora primeira do boletín Nós, despois de Terra Gallega e desaparecida en 1925 polas leas internas, sería con máis de 125 aderentes a segunda agrupación con máis afiliación das irmandades da Fala, após a d´A Coruña.

Parapar, só un mozo, toma partido e co resto dos irmandiños mariñaos intégrase na Irmandade Nacionalista Galega, ficando Viveiro como única localidade con afiliación nacionalista das comarcas de Lugo

Era 1921, e xa de novo na terra, participa da fundación da Irmandade da Fala de Viveiro, na altura subdelegación da Irmandade de Ferrol impulsada por Ramón Vilar Ponte, xunto á Estevo Almoina, Acacio Vázquez, Eduardo López, Xosé López, Xosé Meitín, Antonio Menéndez, Xosé Sampedro, Arturo Trasancos, Francisco Trasancos e Vicente Trasancos. Na fenda que se abre entre a maioría da Irmandade da Fala d ´A Coruña e o resto do nacionalismo, Parapar ,só un mozo, toma partido e co resto dos irmandiños mariñaos intégrase na Irmandade Nacionalista Galega, ficando Viveiro como única localidade con afiliación nacionalista das comarcas de Lugo. Na súa condición de delegado do grupo de Viveiro, participa na V Asemblea Nacionalista celebrada na Coruña o 18 e 19 de Marzo de 1923, saíndo da mesma coa encomenda de coordinar xunto con Ramón Vilar Ponte as relacións cos nacionalistas de La Habana. A mesma asemblea aprobará unha proposta de Xaime Quintanilla, na altura xa colaborador de El Socialista, de Xosé María Calviño, cenetista coruñés, de Ramón Vilar Ponte e do propio Parapar Sueiras, mineiro e comerciante, para poñer en marcha a Confederación do Traballo Galego, isto é, unha organización sindical de carácter nacionalista, que a Ditadura de Primo de Rivera freará.

O grupo de Viveiro

Era 1930, a VI Asemblea Nacionalista acordará activar a práctica política diante do novo escenario político que se abría, e o grupo de Viveiro reorganízase en milicia patriótica, batallón de sete, Ramón Vilar Ponte, Estevo Almoina, Xosé López, Xosé Trasancos, Manuel Antonio Méndez, Acacio Vázquez e César Parapar, primeiro conselleiro e delegado do Grupo.Proclamación da II República, formación da Orga e alcaldía para Ramón Vilar Ponte sometido ás embestidas constantes dos socialistas, Grupo Nacionalista de Viveiro, Asemblea de Pontevedra, constitución do Partido Galeguista na vila do Landro, César Parapar Sueiras presidente. A indixesta e posterior úlcera que provocou en Ramón Vilar Ponte o seu convulso paso pola Alcaldía vai provocar que o peso do actuar social do nacionalismo cargue sobre as costas de César Parapar, achegando nova afiliación ao Partido Galeguista como Modesto Vilar, os irmáns Cerdeira, organizando as Mocidades Galeguistas, dirixidas por Xosé Ramón Vilar Chao e Pepe Gueimunde, articulando os “Ultreias”, que contarían cunha equipa de futebol que xogaba en Vieiro cunha equipación que coincidía coas cores da nosa bandeira e que era popularmente coñecido polos “eiras”, a participación no movemento sindical e mesmo detencións.

César Parapar Sueiras viviu a velocidade de cruceiro aquel 1936 que comezou en xaneiro coa elección da nova dirección do Partido Galeguista

Era 1936. Ás oito da maña do 17 de decembro de 1936, era fusilado canda cinco conveciños fronte ás tapias do cuartela da Garda Civil de Lugo, tiña 35 anos. Causa militar 814-36, delito de rebelión, "ideas separatistas, participó del intento de proclamación de la república gallega en 1932”, detención o 27 de Xullo, preso en Viveiro e en Lugo. Antes da súa detención participou activamente na oposición ao golpe na súa condición de concelleiro daquela corporación presidida polo tamén militante nacionalista Balbino Cerdeiras. César Parapar Sueiras viviu a velocidade de cruceiro aquel 1936 que comezou en Xaneiro coa elección da nova dirección do Partido Galeguista, un núcleo de dirección que recollía outra xeración de patriotas coma Xoán Plá, Anxo Seco, Balbino Cerdeiras, Xosé Gueimunde, Prudencio López e Vicente Trasancos e na que César Parapar era de novo o máximo responsábel. Eleccións de Febreiro onde os nacionalistas son excluídos das listas da Fronte Popular en Lugo, alongamento do Partido coa conformación dos grupos de Muras e Ourol onde toma a palabra canda Ramón Vilar Ponte, campaña do Estatuto, un tempo novo que non durou.

César Parapar Sueiras, canda o concelleiro e veterano patriota vigués Xavier Soto, canda o alcalde Balbino Cerdeiras, canda o concelleiro e posteriormente guerrilleiro Modesto Vilar fan parte do martiriolóxico que nos é propio aos nacionalistas, neste caso en Viveiro. Hai moitos César Parapar Sueiras e moitos Viveiros na Galiza enteira coa memoria anestesiada ou co recordo deformado. Sabemos que entre nós non ficaron cadáveres, removamos a terra para tornalos en semente.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios