Unha cea celebra a vixencia do antigo Reino da Galiza

Homenaxean Héitor Picallo polos seus múltiplos estudos sobre diferentes aspectos da Galiza medieval.
Héitor Picallo, enxeñeiro e recoñecido investigador sobre o Reino da Galiza. (Foto: Arxina)
photo_camera Héitor Picallo, enxeñeiro e recoñecido investigador sobre o Reino da Galiza. (Foto: Arxina)

Desde hai tres anos, o colectivo Movimento Reino da Galiza organiza unha cea arredor do 30 de novembro na que se lembra que nesa data de 1833 entrou en vigor, no Estado español, a división provincial deseñada por Javier de Burgos, vixente até a actualidade. "Algunhas persoas din que o Reino da Galiza desapareceu con esa nova organización territorial, mais iso non é certo", explica a Nós Diario Suso Sanmartinho, un dos membros do colectivo.

"Con esta cea queremos denunciar, de forma lúdica, a discordancia dese modelo imposto cos patróns de asentamento, históricos, sociais, culturais e mesmo xeográficos que se manteñen desde tempos inmemoriais na Galiza. Trátase de sensibilizar sobre a falta de correspondencia entre esa organización e a nosa realidade histórica". 

O primeiro ano, o colectivo invitou a Camilo Nogueira, que non podía quedar a cear, mais pasou a tomar un café cos invitados. "Improvisouse un faladoiro moi animado e decidimos conservar ese modelo de traer cada ano unha personalidade que destacase no estudo e recuperación do Reino para unha tertulia previa á cea. Non se trata dunha palestra formal, senón dun formato máis próximo que permite unha conversa relaxada", relata Sanmartinho. 

Así, despois de que o ano pasado invitasen a Francisco Rodríguez, este ano o convidado será Héitor Picallo, "porque malia a súa mocidade, xa ten un volume de traballo moi considerábel, e dunha enorme calidade". Entre estes traballos, cóntanse a redacción e coordinación de varios coleccionábeis realizados para Nós Diario, como o recente 30 castelos e torres para descubrir un reino, ou outros dedicados á heráldica ou á onomástica da Galiza. 

"O importante é contribuír á memoria do Reino que, ademais de obxecto dun moi necesario estudo, debería considerarse tamén como un activo político", remata Sanmartinho. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios