Carballedo honra a memoria de Francisco Domínguez

Na mañá do domingo, Carballedo, concello da comarca de Chantada, homenaxeou Francisco Domínguez da man da Asociación Cultural O Garabullo, que organizou unha mesa redonda que contou coa intervención, entre outros, de Anxo González Guerra, Xosé Ramón Ermida e Uxío-Breogán Diéguez.

Ducias de persoas asistiron á mesa redonda (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Ducias de persoas asistiron á mesa redonda (Imaxe: Nós Diario)

Unha exposición e unha palestra forman parte da homenaxe da Asociación Cultural O Garabullo ao filántropo nacionalista Francisco Domínguez. Na mesa redonda, na que tomaron a palabra na mañá do domingo o investigador Xosé Ramón Ermida e o historiador Uxío-Breogán Diéguez, entre outros, salientouse a figura do membro do Partido Galeguista e promotor de diversas experiencias educativas.

Coñecido como “Pancho da Barrela” durante o período republicano, Domínguez foi tamén lembrado polo seu único neto, Frank Domínguez, profesor de Lingua e literatura españolas na Universidade de Carolina do Norte; pola presidenta da asociación, Hita Gómez quen, en declaracións a Nós Diario, recoñeceu que a presenza do filántropo na memoria veciñal está “difusa”, e polo profesor Anxo González Guerra.

“Parte da súa actividade é descoñecida pola gran maioría da veciñanza”, de aí a homenaxe que decorreu o domingo pola mañá e que terá continuidade nos próximos anos.

Da electrificación da súa aldea ao impulso da escola

A historia de Carballedo nas primeiras décadas do século XX vén marcada, en parte, polo homenaxeado, que foi quen financiou a electrificación da súa aldea natal, camiños veciñais e mesmo a escola da Barrela, onde, co seu diñeiro, mantivo o centro e mais a docente. Foi este un centro de ensino situado á vangarda a respecto de experiencias pedagóxicas innovadoras.

O seu alumnado percorreu a Galiza nunha longa excursión sufragada por Domínguez. Un traxecto do que se fixo eco a prensa da época. O filántropo galeguista foi dirixente da sociedade de emigrantes Chantada, Carballedo e a súa comarca, que tamén construíron escolas en varios puntos da comarca.

Unha vez retornado de Cuba, a onde emigrara, á Galiza en 1930, dedicouse, principalmente, á actividade social, cultural e política. De feito, presidiu o Sindicato Agro-Cultural de Carballedo e participou do Seminario de Estudos Galegos.

Exiliado en Cuba

O papel de Domínguez resultou decisivo na organización do nacionalismo na comarca, primeiro nas estruturas do Partido Galeguista en Carballedo, Taboada e Chantada, e, máis tarde, nas campañas de axitación política, entre elas a do Estatuto de 1936.

‘Pancho da Barrela’ tivo que exiliarse após o golpe militar que deu paso á represión. Logo dunha travesía en barco co seu fillo Francisco desde Francia aos EUA, puido desembarcar en Cuba en novembro de 1936. Tan só un ano despois, o 3 de outubro de 1937, falecida na Habana con 49 anos.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios