Aparecen restos arqueolóxicos en Ferrol que poderían corresponderse cunha muralla medieval

Aínda que os técnicos municipais non descartan que se poida tratar doutro tipo de estruturas, entenden que hai moitos indicios que apuntan a que poderían ser resto da muralla.
Vista panorámica da cidade de Ferrol (Foto: Nós Diario).
photo_camera Vista panorámica da cidade de Ferrol (Foto: Nós Diario).

O subsolo da rúa San Franciso de Ferrol apareceron restos arqueolóxicos que, segundo informa o Concello, son compatíbeis coa porta medieval da muralla, unha construción que figura nalgúns planos históricos de Ferrol Vello á altura da rúa do Cristo.

Tamén coincidiría coa rampla dun antigo porto pola que se baixaba ao mar na zona onde hoxe se sitúa a Praza Vella.

Documentación do século XVIII

Aínda que os técnicos municipais non descartan que se poida tratar doutro tipo de estruturas, entenden que hai moitos indicios que apuntan nesa dirección, xa que a súa traza encaixa co que recolle a diferente documentación do século XVIII.

"De confirmarse que se trata dunhas construcións tan relevantes no pasado de Ferrol, o Concello, desde logo, apostará por conservalas de forma que poidan converterse nun atractivo patrimonial e tamén turístico para o barrio e para a cidade", defendeu o alcalde, Ángel Mato.

A muralla

De acordo co autor Ramón Montero, “a historia do recinto fortificado de Ferrol, anterior mesmo á construción do arsenal, segue sendo un campo de escaso coñecemento, a pesar da importancia que tivo para a base naval e o seu enorme desenvolvemento material”.

“Os poucos anos de vida da muralla e os seus baluartes, encerran unha complexa traxectoria de proxectos coñecidos ou inéditos e intervencións non estudadas. A realidade presente limítase a varios elementos históricos inconexos, así como ao recordo dun trazado do que seguen aparecendo restos a medida que a cidade crece e evoluciona”, relata Montero.

Comentarios