Xabier Pérez é divulgador

Xabier Pérez: “As canles e os portais de difusión en galego son moi potentes na normalización da lingua”

Xabi Pérez, ‘AstroXabi’ en Youtube, é un matemático e divulgador astronómico que grava vídeos para explicar conceptos básicos sobre astronomía, ao tempo que ensina ás súas seguidoras diferentes actividades relacionadas co traballo de campo que se desenvolve neste campo. Pérez comezou co seu proxecto en abril de forma casual e, aínda que nun primeiro momento lle custaba estar diante da cámara, agora non para.
Xabier Pérez pertence a Agrupación Astronómica Io (A Coruña). (Foto: Nós Diario)
photo_camera Xabier Pérez pertence a Agrupación Astronómica Io (A Coruña). (Foto: Nós Diario)

Cando comezou a interesarse pola divulgación?

Sempre fun un gran consumidor de divulgación. Desde crianza gustábame moito ler revistas científicas e de divulgación, libros... Comecei a exercer a divulgación este ano, cando me inscribín na Agrupación Astronómica Ío, que é da Coruña e que realiza diversas actividades vencelladas co eido astronómico, desde observacións até charlas e cursos. A canle de Youtube saíu de forma casual. Quería ensinar aos meus amigos un vídeo dunha peza que acababa de mercar para un telescopio, e como non lla podía enviar por Whatsapp, subina a Youtube. Decidín poñelo en público, e tivo boa acollida. A partir de aí decidín subir novos vídeos comentando temas relacionados coa astronomía.

Que contido adoita tratar?

Intento facer divulgación científica sobre astronomía. Teño vídeos máis teóricos sobre conceptos básicos de divulgación astronómica, que adoitan atoparse na cultura popular: coordenadas celestes, como medir o brillo das estrelas, exoplanetas... Ademais, teño vídeos máis titoriais, nos que ensino diferentes actividades que fago. Por exemplo, o que fago nun día de observación astronómica. Vou alternando eses dous tipos de vídeos, e manteño un equilibrio.

Foi difícil dar o paso de converterse nunha persoa visíbel e expor o seu coñecemento?

Hai un ano xamais imaxinaría que estaría gravando vídeos e facendo divulgación en Twitter. Son alguén bastante tímido e introvertido, desde sempre. Falar en público, e especialmente ser xulgado e avaliado, sempre me deu bastante pánico. Mais ao final foi cousa de comezar a falar en público, comunicar, divulgar... que son aspectos que se poden adestrar, e polo tanto mellorar. Aínda que sigo sen considerarme unha persoa moi carismática e co don da palabra, si que noto unha gran mellora entre os primeiros vídeos que fixen e os últimos. Foi algo bastante progresivo, e aínda que nun principio non estaba nos meus plans de futuro, agora si o está nos de presente. 

Que acollida tivo a súa canle?

Polo que estou vendo, cada vez que subo un vídeo aumento en dez ou vinte persoas o número de subscritores. Alégrame ver que cada vez vou tendo maior visibilidade e chego a máis xente porque, aínda que eu non o enfoco nese sentido, si que é agradecido, despois de todo o traballo que leva a redacción do guión, a montaxe do vídeo e demais... que os vídeos xeren interese. Iso motívame cada vez máis. Intento chegar cada vez a xente máis nova, porque nun principio só chegaba a afeccionadas á astronomía, e son persoas cun perfil, polo menos na Galiza, bastante adulto. En xeral estou bastante satisfeito.

Nos últimos anos están a xurdir novos proxectos de divulgación en galego en diversos eidos. Que papel xogan para o proceso de normalización da nosa lingua?

Penso que é unha situación moi positiva para o galego. Quizais sexa porque eu son divulgador e relaciónome con outras divulgadoras, mais si que vexo que nos últimos tempos están a nacer cada vez máis canles de divulgación en lingua galega. Para min, iso provoca un efecto chamada para que outras persoas que, polo motivo que sexa, non ven como unha opción real crear unha canle ou contidos en galego e optan polo castelán ou o inglés tomen a decisión de dar o paso ao galego. As canles e os portais de difusión en galego funcionan moi ben e teñen moi boa acollida. Son moi potentes no aspecto normalizador do galego. O feito de ver xente que divulga sobre diversos ámbitos na nosa lingua elimina moitos estereotipos sobre ela.

Comentarios