xoves 16/09/21

Varias aeroliñas impiden voar co certificado Covid en galego

Pasaxeiras e pasaxeiros denuncian a vulneración de dereitos lingüísticos. 
Interior da terminal do aeroporto Rosalía de Castro de Compostela (AENA)
Interior da terminal do aeroporto Rosalía de Castro de Compostela (Foto: AENA)

Persoas usuarias do aeroporto de Santiago de Compostela denunciaron que algunhas aeroliñas lles prohibiron viaxar a diferentes destinos internacionais ao non aceptar os seus certificados do test de antíxenos da Covid-19 realizado en farmacia por estar en galego.

As denuncias chegaron ao BNG, que esta terza feira 31 de agosto rexistrou varias iniciativas no Parlamento galego. 

Nestas insta á Xunta a explicar "que accións vai levar a cabo para facer fronte á vulneración dos dereitos lingüísticos das viaxeiras galegas que se están a producir por parte dalgunhas compañías aéreas" no aeroporto Rosalía de Castro de Santiago.

Prexuízos á poboación 

A portavoz parlamentaria de Cultura e Lingua do Bloque, Mercedes Queixas, denunciou que, alén do “grave prexuízo” que isto representa para as persoas afectadas “dificultando a súa reincorporación ás súas obrigas laborais ou aos seus estudos”, estes feitos supoñen tamén unha vulneración “dos dereitos lingüísticos como galegas e galegos nun aeroporto internacional como é o Rosalía de Castro”.

Nas iniciativas, o Bloque tamén pregunta á Xunta que accións ten previstas para “conseguir o recoñecemento do galego a nivel internacional e garantir o dereito das persoas galegofalantes a usaren a súa lingua propia”.

Aliás, a deputada Mercedes Queixas tamén demanda saber se o Executivo galego estabeleceu contacto coas persoas afectadas e que xestións realizou para axudalas.

Igualmente, preguntase se xa contactou tamén coas compañías aéreas que impediron o embarque das viaxeiras galegas con certificado de tests de antíxenos na lingua propia.

comentarios